Rodríguez Bonome, Santiago

Rodríguez Bonome, Santiago

(Con-xo, Santiago de Compostela 20.4.1901 - Saint Georges de Dreux, Normandie 29.10.1995) Escultor. Coñecido como Bonome, formouse na tradición imaxineira santiaguesa. Nesta época realizou obras de carácter populista e primitivista como Aldeán ou A volta da feira. Realizou outras de estilo máis expresionista, como A vella do violín. En 1924 trasladouse a Madrid, onde obtivo certa relevancia grazas á súa técnica de talla directa e policromada sobre madeira, de carácter expresionista (Virgen del Rosario, 1923). Continuou a realizar obras encadradas no primitivismo (Recordo, 1924-1925; O meigallo, 1925) xunto con outras máis intimistas (Maternidade, 1926; Duquesiña, 1926-1927) e retratos (Portela Valladares, 1925; Antonio Palacios, Ofelia Nieto). En 1929 instalouse en París, onde dulcificou o seu estilo, apostando por un refinamento técnico e temático. Destacan A agricultura e o traballo (1929), Cantores, Mascaradas, Romeiras (1931-1932), Don Quixote (1933-1934), A muller do ídolo (1934-1935) e Xoana de Arco (1945-1946). Tras a Segunda Guerra Mundial orientou a súa actividade cara á produción cerámica ante a falta de materiais como a pedra ou o bronce, converténdose en propietario da súa propia fábrica ata 1968. En 1973 instalouse en Saint Georges de Dreux.