romanística
(< romanista)
Ciencia que estuda as linguas e as literaturas románicas. Foi fundada por Friedrich Christian Diez, autor da Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das linguas románicas, vol I, 1836; II, 1838; III, 1843); do Etymologisches Wörterbuch der romanischen Sprachen (Dicionario etimolóxico das linguas románicas, 1853), primeiro dicionario etimolóxico de toda a área románica en que aspiraba a reflectir os aspectos unitarios do léxico románico; do Altromanische Glossar (Glosario do románico antigo, 1865); e do Romanische Wortschöpfung (A creación léxica románica, 1875), en que propón reorganizar o vocabulario fundamental das linguas románicas en clases conceptuais, polo que constitúe o primeiro exemplo de investigación onomasiolóxica no terreo románico. Ao comezo do s XX diversos movementos abriron novas perspectivas nos estudos románicos. A dialectoloxía segue novos camiños coa escola da cultura material de Wörter und Sachen (‘palabras e cousas’) (Meringer, Meyer-Lübke) e de Hamburgo (F. Krüger), e co método da xeografía lingüística (J. L. Gilliéron e os diversos atlas lingüísticos das distintas rexións da Romania). Os romanistas agrupáronse na Société de Linguistique Romane, que publica a Revue de Linguistique Romane. OBS: Tamén se denomina lingüística románica.