romaría

romaría

(< topónimo Roma)

  1. s f

      Festa popular arredor dun lugar santo.

    Sinónimos: romaxe.
  2. s f

    Afluencia continuada de xente a un lugar.

    Sinónimos: romaxe.
  3. s f

    iaxe de peregrinos, especialmente a feita por devoción a un santuario. Tradicionalmente distinguiuse entre romeiro, o que visita as tumbas dos santos apóstolos Pedro e Paulo en Roma; palmeiro, o que visita os lugares santos da vida, paixón e morte de Xesús Cristo en Xerusalén; e peregrino, o que visita a tumba do apóstolo Santiago en Compostela. Desde o punto de vista histórico-relixioso, trátase da viaxe emprendida, individual ou colectivamente, para visitar un lugar santo, onde se manifiesta dun modo particular a presenza dun poder sobrenatural. Considerada desta maneira, atópase desde a prehistoria en case todas as relixións, agás no brahmanismo máis antigo e na primitiva doutrina búdica. No mundo prehistórico e clásico a súa meta podían ser lugares naturais, ríos, fontes, montañas, cavernas ou grutas en cuxa proximidade, en moitos casos, se levantaron posteriormente santuarios dedicados a algunha divindade. Tamén tiña por obxecto cidades ou templos consagrados polo recordo ou a presenza dunha divindade ou polas reliquias dun heroe. Estas reliquias, restos materiais dun heroe ou dun deus encarnado, teñen unha grande importancia, xa que a crenza xeral lles atribúe unha virtude especial. O cristianismo imprimiu o seu carácter propio a esta tradición común de veneración a lugares santos e corpos de heroes que para os cristiáns foron os que venceran no combate da fe, deixándose torturar e dar morte en testemuño do seu amor a Xesús Cristo. Entre os cristiáns, as romarías teñen dúas orixes: por unha banda, a veneración aos Santos Lugares, é dicir, aqueles que Xesús santificou coa súa presenza mortal; e por outra, o culto á Virxe, aos santos e ás súas reliquias. A visita a Terra Santa aparece como un costume arraigado nos ss III e IV. Galicia participou deste movemento desde o comezo, pois do s IV consérvase o relato de Exeria e Idacio, que conta na súa crónica que coñeceu alí a san Xerome. O culto aos santos, cuxa primeira manifestación foi o culto aos mártires, é a orixe dun bó número de peregrinacións, comezando polas de Roma e Santiago de Compostela. As partes más esenciais do culto actual atopan a súa orixe no cerimonial funerario dos pobos clásicos, coas diverxencias propias da presenza cristiá. A memoria do mártir non se celebraba no día do aniversario do seu nacemento, como entre os pagáns, senón no da súa morte. Aínda que non se coñecen con precisión cales eran as cerimonias realizadas pola asemblea dos fieis reunidos neste día ao redor do sepulcro do mártir, sábese que nelas era esencial a liturxia eucarística, sen que esta excluíse sempre e en todas partes a comida funeraria. Esta conmemoración, que se fixo dunha forma discreta nos séculos das persecucións, deu lugar, tras a paz de Constantino, á creación de suntuosas basílicas sobre as tumbas dos mártires e a pasar dun culto meramente local a un culto que atraía a xentes de remotas rexións. Ao mesmo tempo que crecía o culto aos mártires, creceron os abusos, como o comercio de reliquias ou a adulteración das mesmas. O motivo deste entusiasmo e a avidez coa que procuraban adquirilas as igrexas e os particulares hai que buscalo no poder eficaz de intercesión que se atribuía aos mártires e a conveniencia de invocalos para obter esa intercesión. A proba de que a oración feita con fe era eficaz atópase nos exvotos, ofrendas que representan ollos, pés, mans de ouro ou doutros materiais, que testemuñan a curación ou a súplica. A teor do tipo de martirio que surfrira o santo se lle facía especial intercesor dunha doenza determinada. Para dar notoriedade e autenticidade aos milagres, que moitas veces o pobo se resistía a crer, escribíronse libelli co seu relato, que se lían nos oficios relixiosos. Ademais, os santuarios coleccionaban estes relatos, como antes fixeran os templos pagáns. Todos estes elementos se mantiveron sustancialmente ata a actualidade, con lixeiras variantes engadidas pola singularidade de cada caso. O culto á Virxe, máis tardío, tamén deu orixe a moitas romarías. A veneración da Madre de Deus en lugares concretos veu marcada non polo lugar onde está depositado o seu corpo ou algunha das súas reliquias, dado que segundo o dogma cristián ascendeu aos ceos, senón polas súas aparicións milagrosas en visións, pero sobre todo pola aparición milagrosa de moitas das súas imaxes. Crese que con motivo da invasión musulmá as poboacións cristiás esconderon imaxes de Xesús, a Virxe e os santos para evitar a súa profanación. Con motivo da reconquista algunhas destas imaxes apareceron soterradas, ocultas en covas ou noutros lugares e rodeadas de sucesos milagreiros entre os que estaba a insistencia da propia imaxe de permanecer no lugar onde se atopou, onde se levantaron santuarios que deron orixe a romarías. A estes lugares de culto o pobo aplicoulles as mesmas prácticas dos santuarios dos mártires. Noutros casos, a orixe das romarías está nos cultos pagáns que a igrexa asumiu e cristianizou, pero tolerando a pervivencia de ritos ancestrais moitas veces, incluso afastados da ortodoxia cristiá. En Galicia, as romarías están salpicadas por toda a súa xeografía. A primeira delas, de alcance universal desde a Idade Media, é a peregrinación ao sepulcro do apóstolo Santiago en Compostela. Entre os santos máis celebrados están san Bieito (Lérez, Piñor, Cambados, Gondomar, Allariz, Porto do Son, Cortegada), san Brais (Boimorto), san Lázaro (Pontecesures), santo Antonio (Bormoio, en San Lourenzo de Agolada), santo Andrés de Teixido, santa Mariña de Augas Santas (Allariz), o Conde Santo (Lourenzá), santa Marta de Ribarteme (As Neves), santa Tegra (A Guardia), santa Liberata (Baiona), santa María Madalena (Louro-Muros), san Ramón (Bealo-Boiro, Miño), san Roque (Viveiro, Celanova), san Campio (Outes), san Miguel (Breamo) ou san Froilán (Lugo). Entre as innumerables romarías da Virxe atópanse a Virxe da Barca (Muxía), Nosa Señora da Patoriza (Arteixo), Nosa Señora do Corpiño (Losón-Lalín), Nosa Señora das Cabezas (Armenteira), a Virxe do Chamorro (Ferrol), a Virxe da Lanzada, a Virxe do Cristal (Vilanova dos Infantes), a Virxe da Franqueira (A Cañiza), a Virxe das Ermitas (O Bolo), a Virxe do Viso (Lobeira), a Virxe dos Milagres (Saavedra-Lugo, Monte Medo-Ourense, Caión-A Coruña, Amil-Moraña), a Virxe das Marabillas (Cartelle), a Virxe do Libramento (Gondomar), Nosa Señora da Armada (A Merca), Nosa Señora da Cabeza (Oleiros), a Virxe dos Remedios (Castro Caldelas, Ourense), Nosa Señora do Cebreiro, a Virxe da Cela (Monfero) ou a Virxe do Carmen nas vilas da costa. Xurdiron outras festas que empregan o nome de romaría pero se distancian do concepto tradicional. Así en 1978 xurdiu a Romaxe de Crentes Galegos que se autodefine como unha romaría que se celebra cada ano para vincular festivamente fe e galeguidade e que se celebra, o segundo sábado de setembro, cada ano nun punto distinto da xeografía galega. Outras festas cun fondo profano empregan tamén o nome de romaría, como a romaría vikinga de Catoira ou a romaría fluvial dos Caneiros en Betanzos. OBS: Tamén se denomina romaxe.

Refráns

  • As romaxes e ás vodas van as tolas todas.
  • Ben vai o romeiro cando o bordón Ile esquece.
  • Boa romaxe fai o que ten a casa en paz.
  • Cada romeiro co seu compañeiro.
  • O que anda en moitas romaxes gasta o tempo en viaxes.
  • Para ir a unha romaxe, non vaias en recovaxe.
  • Quen vai a moitas romaxes, gasta cartos e traxes.

Palabras veciñas

romántico -ca | romanza | romar | romaría | Romariz | Romariz, casa grande de | romaxe