Ronsel
Revista publicada en Lugo a partir de maio de 1924. Cesou en novembro dese ano (nº6). Subtitulada “Revista de Arte” e “Revista de la nueva generación gallega” (nº6), foi dirixida por Evaristo Correa Calderón. De carácter ecléctico, integrou as correntes máis abertas e vangardistas en materia de creación literaria do momento. Aínda que non naceu con espírito de ruptura, acabou integrando unha xeración de autores galegos, sobre todo lucenses, moi vinculados ás posicións nacionalistas. Incluíu críticas e colaboracións literarias de autores nacionais e estranxeiros, así como traducións de autores cataláns, franceses ou alemáns. O 15 de xaneiro de 1975 saíu publicado un número extraordinario, en conmemoración do quincuaxésimo aniversario da súa creación.