Rosal, O
Concello da comarca do Baixo Miño situado no SO da provincia de Pontevedra e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 41° 56’ 17’’ de latitude N e 8° 50’ 02’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Oia (comarca do Baixo Miño), ao S co da Guarda (comarca do Baixo Miño) e o esteiro do Miño, ao L con Tomiño (comarca do Baixo Miño) e ao O co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 44,1 km2cunha poboación de 6.402 h (2007) distribuída entre as parroquias das Eiras, O Rosal, San Miguel de Tabagón e Tabagón. A súa capital está no lugar do Calvario, na parroquia do Rosal, localizado a 76 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Tui.
Xeografía física
O relevo divídese en catro unidades ben diferenciadas: as ribeiras do Miño, o val do río Carballo, a costa atlántica e as estribacións das serras de Argallo e A Groba. A primeira delas localízase no S e L do concello e caracterízase por unha planitude case extrema, onde dominan os materiais aluviais; ademais ao Rosal perténcelle un terzo da illa Canosa, situada no esteiro do Miño. O val do río Carballo é a unidade máis ampla e onde se localiza a capital do concello, ten gran planitude e está limitada polas serras da Groba e Argallo. Está formada tamén por materiais aluviais xa máis consolidados con presenza de arxilas e areas cuaternarias. A costa atlántica é un espazo de escasa lonxitude, despoboada, e na que destacan os cantís nunha costa rectilínea e abrupta. Finalmente, a cuarta unidade, son as áreas montañosas, que circundan o concello con dirección N-S pola parte NL e NO, e que acadan a máxima altura no Campo do Couto (552 m), onde dominan as estruturas graníticas. O clima é de tipo oceánico, cunhas temperaturas moi agradables, dada a súa posición meridional e a proximidade do mar. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 14°C, con invernos suaves de 10°C, e veráns cálidos que superan os 20°C. As precipitacións sitúanse ao redor dos 1.200-1.300 mm, xa que o val está aberto á entrada das masas húmidas do SO. Son frecuentes as néboas no val do Carballo, sobre todo no inverno. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Miño e o seu afluente o Carballo, que tamén recibe o nome de Tamuxe. O esteiro do Miño está incluído dentro da Rede Natura 2000.
Xeografía humana
A evolución demográfica do Rosal tradúcese nunha tendencia ao estancamento poboacional, con períodos de altos e baixos nesta evolución. En 1900 a poboación era de 5.162 h; na primeira metade deste século o crecemento foi moi suave con épocas de recesión, como a década de 1930, na que emigración impediu que o crecemento fose maior. Desde 1950 ata 1970 produciuse un pequeno incremento dos efectivos (5.784 h en 1960 e 5.899 h en 1970), para posteriormente comezar a perder poboación ata a década de 1990 (5.558 h en 1981, e 5.486 h en 1991), en que se asiste a unha recuperación ata chegar aos 5.932 h en 2001 e aos 6.402 h en 2007. A relativa proximidade da cidade de Vigo, á que emigraron moitos habitantes, fixo posible este comportamento de ascenso e descenso do número de efectivos. Aínda así, o crecemento natural foi, en 2006, de signo negativo (-2,3‰) froito dunha baixa natalidade (7,4‰) e unha alta mortalidade (9.7‰). Os menores de 20 anos representan o 19,3% da poboación fronte ao 19,8% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 60,9%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,84% de mulleres e 49,15% de homes. . A poboación distribúese en aldeas de tamaño medio ou grande, entre as que destacan algunhas entidades coma O Calvario, capital municipal, ou Marzán. O índice de avellentamento está bastante marcado, pero non chega aos niveis dos concellos do interior de Galicia.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Rosal é do 46,6% (31,4% a masculina e 32,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,2% (56,8% a masculina e 26,7% a feminina) e a taxa de paro é do 11,7% (9,8% a masculina e 15,2% a feminina). Os sectores secundario e terciario dominan o sistema económico, xa que ocupan ao 45,4% e ao 40,7% respectivamente, e están moi vinculados á Vigo. O primario conta cun 13,9% da poboación activa, repartida entre o campo (10,1%) e o mar (3,8%). Situado no Baixo Miño, cunhas excelentes condicións de temperatura e humidade, é un importante produtor de cultivos de invernadoiro, hortalizas, froiteiras e flores ornamentais, ademais de viñedo. Ten un elevado número de explotacións agrarias que se concentran na parte meridional do termo. O viñedo ocupa un total de 212 ha baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas, na subzona do Rosal. A gandaría ocupa un segundo plano, aínda que existen algunhas granxas avícolas destinadas á venda de carne de polo para os mercados de Vigo ou Pontevedra, incluso tamén para o N de Portugal. A pesca tivo máis importancia no pasado e a maior parte dos mariñeiros teñen base no porto da Guarda. Dentro do secundario, a construción ocupa ao 21,7% da poboación activa, a maior parte dos cales están ocupados nas vilas próximas de Tui, A Guarda e na cidade de Vigo, ao igual que pasa coa industria, dada a proximidade dos polígonos industriais da periferia viguesa, e do norte de Portugal. Destaca de maneira especial a produción de viños. Os servizos tamén están moi vinculados á cidade olívica e ás anteriores vilas, especialmente no eido comercial, o de maior emprego do concello. A capital municipal concentra algúns servizos públicos de escala local. As principais vías de comunicación son a estrada C-550 da Guarda a Tui e da Guarda a Baiona (discorre pola parte S e pola parte O do concello) e a PO-360 (A Guarda-Baiona, polo interior do concello).
Historia
As mostras máis antigas do poboamento do concellos proceden do Paleolítico, da Idade do Bronce, da cultura castrexa e dos tempos da romanización. Do s XII data a primeira documentación escrita, época no que O Rosal se mencionaba como unha posesión do mosteiro cisterciense de Santa María de Oia. Durante o s XVII, os seus habitantes tomaron parte activa nas loitas contra Portugal, nas que foron incendiados todos os barcos da Ribeira e moitas casas do concello, entre elas o priorado, e tamén foi notable a súa participación militar contra as tropas francesas durante a Guerra de Independencia (1808-1814). Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron á xurisdición da Guarda, señorío do bispo e cabido de Tui. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Creáronse os concellos do Rosal e Tabagón. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela integrouse no concello da Guarda ata que en 1847 constituíu un concello independente.
Patrimonio cultural
Ademais dos vestixios arqueolóxicos atopados nas terras do concello, dos que sobresaen os gravados e as machadas de bronce, así como o poboado romano-visigodo atopado no lugar de Marzán, sobresaen os cruceiros e as ermidas erguidos entre os ss XVI-XIX e espallados polas súas catro parroquias. Destacan as igrexas parroquiais de Santa Mariña do Rosal, San Miguel de Tabagón e San Bartolomeu das Eiras, a casa do concello (1781), a ponte de Tamuxe e os muíños de Folón, declarados BIC en 1998. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Baixo Miño, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que celebran no concello sobresaen as da Virxe do Pilar e a de Santiago, San Ramón e a Festa da solla do millo (As Eiras), a romaría da Candeloria, a feria-romaría de san Gregorio en Pías (San Miguel de Tabagón) e a romaría campestre de San Martiño.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Baixo Miño, O |
| Extensión | 44 Km2 |
| Poboación Total | 6402 h |
| Poboación Homes | 3147 h |
| Poboación Mulleres | 3255 h |
| Densidade de poboación | 145.5 h/Km2 |
Parroquias
| Eiras, As |
| Rosal, O |
| San Miguel de Tabagón |
| Tabagón |