runa
(
Cada un dos signos utilizados na escrita xermánica máis antiga, cun valor asemade gráfico e máxico. O conxunto destes signos coñecíase co nome de fut-hark. Segundo o momento e o lugar, a orde e o número do conxunto pode variar. A serie máis corrente e orixinaria era de 24 caracteres. Coñécense tres grupos básicos: o xermánico, de 24 signos, divididos en tres grupos de 8, gravados sobre obxectos diversos en terras de Xermania; o anglofrisio, difundido especialmente na Inglaterra actual, cun notable incremento no número de signos, posiblemente motivado pola maior complexidade do sistema fonético; o escandinavo, cunha historia máis complexa, con máis mutacións, e subdividido en runas danesas, as de máis difusión, por toda Escandinavia, e en runas sueco-noruegués, de pouca difusión, pero co notable monumento da pedra de Rök. Aínda non se puido aclarar con certeza a súa orixe. Algúns autores consideran que son de orixe latina; outros, que derivan dunha escritura subalpina, do N itálico. En todo caso, suponse que deberon xurdir entre os ss I a C e II, e aparecen desde Romanía ata o Báltico, e desde a antiga Borgoña ata Inglaterra. Tiveron o seu máximo esplendor, en Xermania, entre os ss V-VII; en Escandinavia, en cambio, entre os ss X-XI, sobre todo en Suecia, onde, illadas no N do país e notablemente influenciadas polo alfabeto latino, se mantiveron ata tempos modernos. As máis antigas conservadas son de cara ao s II. Malia que apareceron sobre todo tipo de obxectos, prevalecen as inscricións sobre tumbas. Tiñan valor fonético e tamén podían telo ideográfico.