rupestre
(< lat rupes ‘rocha’)
-
adx
Relativo ou pertencente ás rochas.
-
pintura/arte rupestre
[ARTE]
Denominación que designa as pinturas ou os gravados prehistóricos feitos en covas ou grutas ou, non tan frecuentemente, en paredes de rocha. Forman grupos xeograficamente homoxéneos. O máis antigo dátase no Paleolítico Superior e ten como centro principal as terras occitanas e o litoral cantábrico. Son pinturas realizadas no interior das covas que representan animais da fauna cuaternaria, normalmente con policromía, destacan as covas de Altamira e Lascaux. Outro grupo atópase no L da Península Ibérica, que vai da comarca de Maestrat ata Murcia, con figuras humanas e de animais pintadas nas grutas. Outra fase espallada por boa parte da Península Ibérica ten un carácter máis esquemático. No extremo norte de Europa, aparece outros grupo de pinturas, con representacións humanas e de animais feitas picando na rocha, que se estende desde Escandinavia ao N de Rusia e datado entre o 5000 e o 1500 a C. En África hai dous grandes grupos: o do Sáhara, con pinturas e gravados, que corresponde a unha sociedade neolítica de pastores, e o austral, como o dos bosquimáns, con gravados e pinturas, posteriores. Tamén hai arte rupestre en Canarias.