rururbano
(< rural + urbano)
Aplícase ao espazo situado nas proximidades dunha cidade caracterizado pola mestura de elementos da paisaxe rural como o parcelamento agrario, as hortas e o hábitat rural tradicional, con outros derivados da urbanización como novas vivendas para activos non agrarios, áreas industriais, infraestruturas e equipamentos que consumen moito espazo. Foi un proceso no que á desconcentración residencial das cidades nas áreas rurais próximas se engadiu a instalación nas mesmas de toda unha serie de infraestruturas consumidoras de grandes cantidades de espazo como aeroportos, estacións para o abastecemento e a depuración de auga, depósitos de residuos sólidos urbanos, plantas de tratamento de residuos perigosos, creación de polígonos empresariais e industriais e grandes centros comerciais e de ocio. Deste xeito nestes espazos a nota máis característica é a xustaposición de caracteres urbanos e rurais dun xeito máis ou menos anárquico. Este espazo asóciase deste modo a unha gran variedade de usos do solo e a un constante cambio de uso dos mesmos. Adoita presentarse un conflito máis ou menos patente entre as funcións de orixe urbana (residencial, industrial ou de servizos) e agraria (agricultura e gandaría intensiva, explotación do monte), xa que nas áreas rururbanas establecéronse usos tipicamente urbanos que necesitan un espazo que na cidade de orixe xa non existe ou teñen un prezo desorbitado: almacéns, centros de distribución de mercadorías, grandes urbanizacións de chalés, campus universitarios, parques empresariais ou hospitais. O espazo rururbano está máis desenvolvido nas proximidades de vías de comunicación importantes que facilitan os desprazamentos rápidos cara a unha cidade ou dentro da aglomeración urbana. Así, o proceso de rururbanización vese facilitado pola crecente accesibilidade ás cidades grazas ao progreso dos diferentes medios de comunicación tanto públicos como privados, que permiten movementos pendulares superiores aos 100 km de distancia desde os lugares de residencia ao lugar de traballo, xa sexa nunha cidade central ou nunha área metropolitana. A extensión territorial do fenómeno rururbano varía co tamaño da cidade central, co seu dinamismo e co grao de desenvolvemento dos sistemas de transporte. En Galicia os espazos rururbanos están presentes nas inmediacións das sete grandes cidades, aínda que son especialmente significativos e abarcan maiores extensións nas proximidades de Vigo e da Coruña.