radicalismo

radicalismo

(

  1. s m

    Calidade de radical.

  2. s m

    Actitude radical.

  3. s m [HIST/POLÍT]

    Corrente de pensamento político que propugna, dun xeito democrático, reformas profundas ou cambios substanciais das estruturas políticas e sociais do estado. O termo foi empregado por primeira vez en Reino Unido para designar as correntes de pensamento político reformista do derradeiro decenio do s XVIII e da primeira metade do s XIX, que esixían unha maior participación de toda a poboación nos asuntos políticos. Tras a Reform Act de 1832 e a ampliación do sufraxio, o termo foi utilizado progresivamente como sinónimo de liberalismo. En EE UU empregouse para designar a corrente de pensamento político progresista que avogou pola promoción e a defensa dos dereitos humanos nos estados da confederación sudista. En Francia non tomou forma organizativa estable ata 1901, coa creación do Parti Radical, que tivo un peso considerable na vida política do país. En España, a corrente radical cristalizou na á de M. Ruiz Zorrilla do Partido Progresista. Tras un período de decaemento, renaceu con A. Lerroux García, quen creou o Partido Republicano Radical (1908), que nun principio foi virulentamente demagóxico e anticlerical, aínda que logo evolucionou a posicións máis moderadas. En 1929 sufriu unha escisión da que xurdiu o Partido Republicano Radical Socialista, que en 1934 se fusionou coa Acción Republicana de M. Azaña e a ORGA de S. Casares Quiroga, para formar a Izquierda Republicana. En xeral, a secularización da sociedade e o progreso do socialismo e dos movementos nacionalistas debilitaron a forza do radicalismo.

Palabras veciñas

Radical, El | Radical, El | radicalidade | radicalismo | radicalización | radicalizar | radicando