sal

sal

(< lat sale)

    1. s m [QUÍM/MED]

      Composto derivado formalmente por reacción dun ácido cunha base. Os sales poden considerarse derivados tanto dos ácidos, substituíndo o hidróxeno por átomos metálicos, como das bases, substituíndo o grupo hidroxilo por outros anións que proceden de ácidos. Desde un punto de vista xeral, exhiben propiedades características comúns: son sólidos cristalinos de punto de fusión elevado, presentan condución de electricidade en estado líquido e condutividade electrónica nas súas solucións acuosas. Segundo a súa constitución, poden clasificarse en sales simples, formados polo catión dunha base e o anión dun ácido coa estequiometría adecuada, como o cloruro sódico (NaCl) e o sulfato de calcio (CaSO 4 ); sales que conteñen átomos de hidróxenos ácidos, tamén coñecidos como sales ácidos, como o hidroxencarbonato de sodio (NaHCO 3 ); sales dobres, que se orixinan en xeral, por cristalización de solucións que conteñen mestura de ións, como os alumes, e os oxisales e hidroxisales, coñecidos como sales básicos, en que interveñen oxocatións ou hidroxicatións, como o oxicloruro de bismuto (BiCIO) e o hidroxicloruro de magnesio (MgCl(OH)). En farmacia emprégase un gran número de sales: o cloruro sódico purificado, que se emprega na preparación do soro fisiolóxico (solución ao 9 por mil en auga destilada), o sulfato sódico (sal de Glauber), o sulfato magnésico (sal de Epsom), o bicarbonato sódico (sal de Vichy) ou o carbonato amónico (sal volátil).

    2. [QUÍM]

      cloruro de sodio.

    3. sal de La Rochelle/de Seignette [QUÍM]

      tartarato de potasio e sodio.

    4. sal de nailon [QUÍM]

      Adipato de hexametilendiamina, primeira materia do nailon 66.

  1. s m

    Aquilo que dá graza ou aviva algo.

  2. s m pl

    Substancia salina en forma de cristais, xeralmente amoniacal, que se dá a respirar a alguén que se desmaiou para reanimalo.

  3. sal común/de cociña [ALIM]

    Cloruro sódico en condicións de ser empregado en alimentación. Procede do sal xema, triturado, moído e purificado mediante lavado ou disolución e ulterior cristalización. Adoita conter ata un 3% de auga e pequenas proporcións (2,5%) doutros sales (cloruros e sulfatos cálcicos, magnésicos e sódicos). Tamén ten indicios de bromuro, ioduro, litio e boro. O sal é higroscópico e pódeselle engadir antiaglomerantes ou desecantes, con silicatos, ferrocianuros ou fosfatos cálcicos ou magnésicos, para evitar que se volva amazocado. Emprégase como condimento para os alimentos, aínda que desde o punto de vista nutritivo o seu uso non é imprescindible, xa que as necesidades de sodio e cloruros do organismo están cubertas grazas aos alimentos usuais (especialmente aos de orixe animal). Polas súas propiedades antisépticas emprégase, sólido ou en disolución (salmoira), para conservar alimentos. A produción de sal constitúe unha das actividades extractivas máis difundidas do mundo. Case o 50% da produción mundial obtense por evaporación da auga de mar. A parte das enormes reservas contidas no mar, existen outros depósitos de importancia comercial que son explotados, como cos do mar Morto, Australia, Francia, Alemaña, India, EE UU e Gran Bretaña. Nestes depósitos a concentración de sal é moi superior á do mar. Na antigüidade, o sal era un produto moi valioso, ingrediente fundamental das comidas, que se converteu en símbolo cultural e relixioso. Os gregos e os romanos utilizárono, procedente da evaporación da auga do mar, para salgar peixe e carne, na composición de prebes e como condimento.

  4. sal de réxime [ALIM]

    Produto dun sabor semellante ao sal de cociña, que está destinado a enfermos que non poden inxerir sodio. Son sales cálcicas potásicas ou magnésicas, de aminoácidos ou de ácido cítrico, fosfórico ou clorhídrico. A miúdo engádeselle pequenas cantidades de especias para disimular o sabor metálico.

  5. sal de xema [MINERAL]

    Cloruro de sodio, de fórmula NaCl que cristaliza no sistema cúbico, en forma de cubos e tamén en masas de gran grosor ou compactas. É incoloro, ou ben lixeiramente colorado a causa de impurezas. Ten un brillo de vidro e é transparente ou translúcido. A súa densidade é de 2,0164, e a dureza, de 2,5. É moi característico o gusto salgado e preséntase entre estratos de calcarias, dolomías, xeso ou anhidrita. Tamén está en disolución na auga do mar e en lagos salgados.

  6. sal especial [ALIM]

    Sal que leva engadido algún oligoelemento, empregado, ás veces, para corrixir deficiencias na nutrición de grandes comunidades. Os máis empregados son o sal iodado (con 5-15 ppm de iodo) e o sal fluorado (con 90-135 ppm de flúor).

Refráns

  • Derramarse o sal é mal sinal.
  • O fol e a taleiga, o que lle boten, iso levan.
  • Ola sen sal, faite de canta que non tes xantar.
  • Sal e fogo quere un ovo, se non sae grolo.
  • Sardiña salgada, ben cocida ou mal asada.
  • Tanto cabe no saco longo coma no redondo.