Salvaterra de Miño

Salvaterra de Miño


Concello da comarca do Condado, situado no S da provincia de Pontevedra, no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Ponteareas e Mondariz (ambos os dous na comarca do Condado), ao S co río Miño e Portugal, ao L coas Neves (comarca do Condado) e A Cañiza (comarca da Paradanta), e ao O con Salceda de Caselas (comarca de Vigo) e Tui (comarca do Baixo Miño). Abrangue unha superficie de 62,5 km2cunha poboación de 8.761 h (2007), distribuída nas parroquias de Alxén, Arantei, Cabreira, Corzáns, Fiolledo, Fornelos, Leirado, Lira, Lourido, Meder, Oleiros, Pesqueiras, Porto, Salvaterra, Soutolobre, Uma e Vilacova. A súa capital é a vila de Salvaterra, situada a 42° 05’ 06’’ de latitude N e 8° 30’ 01’’ de lonxitude O, que dista 62,5 km da capital provincial e 31 km da cidade de Vigo. Está adscrito á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Ponteareas.
Xeografía física
Salvaterra de Miño está enclavado no val do río Tea, na súa confluencia co val do Miño, nunha zona aluvial de topografía ondulada, con escasas alturas e flanqueada ao NL por macizos montañosos de escasa entidade. O substrato xeolóxico, granítico na súa maioría, está cortado debido á erosión diferencial e á tectónica. A oroxenia alpina incidiu no territorio cun movemento de bloques que afundiu as áreas de val e elevou os flancos montañosos do NO, desta forma, a posterior erosión diferencial e a incisión dos cursos fluviais configuraron o relevo actual. O centro do concello está ocupado polo val do río Tea, mentres que no sector NL emprázanse unha serie de lombas de escasa altitude (Alcázar, 169 m; Santa Cristina, 218 m) que acadan unha maior altitude na parroquia de Uma (Chan do Couto, 573), nun espazo articulado arredor do val do río Uma. Existen tamén algúns relevos residuais no centro e no O do concello que serven de interfluvio dos ríos do concello. Desde o punto de vista climático, Salvaterra de Miño atópase nunha área de clima oceánico moi suave, con temperaturas medias duns 14°C, que acadan 9,5°C no inverno e 20°C no verán. As precipitacións son abondosas xa que o val do Miño está aberto ao SO, o que facilita a entrada de masas de aire húmido. As xeadas son moi escasas, pero non as néboas, presentes durante situacións de inversión térmica. Desde o punto de vista hidrolóxico, os principais ríos son o Tea, o Caselas, o Lobeiro e o Miño, que fai fronteira con Portugal.
Xeografía humana
A poboación de Salvaterra de Miño mantivo un ritmo moi continuo ao longo de todo o s XX. En 1900, o concello contaba con 9.242 h, o que o converteu nun dos concellos máis poboados da súa área. Esta cifra elevouse lixeiramente ata acadar, en 1940, o seu máximo demográfico con 9.871 h. Nesta primeira metade do século, fóronse alternando períodos de declive, entre 1920 e 1930, con outros de tendencia alcista, entre 1930 e 1940. O elevado crecemento natural que contrastaba co tamén elevado índice de emigración explica este feito. Desde 1950, a tendencia inverteuse, e o concello pasou a ser principalmente emigratorio, o que fixo que a poboación sufrise un descenso non moi marcado, pero constante (9.791 h en 1950; 8.093 h en 1970), motivado pola emigración, especialmente á vila de Ponteareas e á cidade de Vigo. A partir de 1970 comezou outra etapa de crecemento como consecuencia do retorno de emigrantes. Todos estes movementos trouxeron consigo un avellentamento da poboación, de maneira que se asistiu a un novo período de decrecemento (8.675 en 1981; 8.252 h en 1991; 8.778 h en 1996, 8.073 h en 2001 e 8.761 h en 2007). A pesar disto, en 2006 o crecemento natural foi negativo (-2‰) pois a natalidade é alta (8,9‰) pero máis o é a mortalidade (10,9‰), síntoma do avellentamento da poboación. Os menores de 20 anos supoñen o 16,5% da poboación fronte ao 20,7% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 62,8%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,21% de mulleres e 49, 78% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Salvaterra de Miño é do 47,8% (64,1% a masculina e 32,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,7% (57,4% a masculina e 27,3% a feminina); e a taxa de paro acadou o 12,8% (10,5% a masculina e 16,9% a feminina). Salvaterra de Miño é un concello moi vinculado ao sector secundario, en especial á construción e á industria, resultando o primario o de menor peso, aínda que cunha relativa importancia grazas ao cultivo da vide. Desta maneira, os empregos xerados polo primario (4,8% dos activos) son bastante escasos, e céntranse fundamentalmente no cultivo da vide, cunha superficie total de 387 ha, converténdose nun dos concellos con maior número de explotacións vitícolas da provincia de Pontevedra. Destaca tamén a gandaría avícola, moi vinculada ás industrias cárnicas da zona. Dentro do secundario, o desenvolvemento da industria (30,5%) e da construción (21,9%) é semellante. A industria está representada pola transformación e produción vitícola, con importantes adegas que producen para a Denominación de Orixe Rías Baixas, subzona Condado de Tea. Así mesmo, destacan subsectores como o da madeira (serradoiros, aglomerados), e as transformacións metálicas. As industriais locais, situadas a maioría no Polígono Industrial Chan da Ponte, están moi vinculadas a Vigo e ao Eixo Atlántico. A minaría, representada por algunhas canteiras de granito, non ten a importancia doutros concellos veciños. A construción acada un gran desenvolvemento, debido a que se encontra moi vinculada ás obras públicas e ao desenvolvemento industrial de Vigo e da súa área de influencia. Así, existen varias empresas que radican no concello, pero moitos traballadores desprázanse diariamente ás áreas industriais próximas situadas nos concellos do Porriño, Mos e Vigo. Dentro do sector servizos, Salvaterra de Miño destaca no eido comercial (42,7% da poboación activa), principalmente polo comercio por xunto de madeiras e maquinaria. A capital municipal concentra os servizos públicos (educación, sanidade e administración), así como boa parte do comercio polo miúdo. Aínda que polo concello discorre a autovía A-52 entre Vigo e Benavente e o ferrocarril Vigo-Ourense, as estradas máis importantes son as comarcais e as locais que unen o concello con Mondariz, Ponteareas e O Porriño.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras que forman o concello de Salvaterra de Miño amósase polos achados das aras circulares de Uma, o castro de Monte Castelo en Pesqueiras, o castro de Leirado e a acrópole de Lira. En época romana o territorio estivo atravesado por unha calzada romana, da que é testemuña a ponte de Fillaboa sobre o río Tea. O primeiro testemuño escrito sobre estas terras é un privilexio de 991 polo que o Rei Vermudo II outorgaba á Igrexa de Santiago o señorío de Salvaterra. Durante toda a Idade Media foi obxecto de desputa entre Portugal e Castela. O centro urbano estivo constituído por un recinto amurallado de vital importancia nas loitas fronteirizas. O protagonismo maior acadaouno en tempos da Raíña Urraca, que o empregou como residencia. Durante o Antigo Réxime as parroquias do actual concello de Salvaterra pertenceron ás xurisdicións de Salvaterra, señorío do conde de Salvatierra; o couto redondo de Porto, señorío da encomenda de Beade; Sobroso, señorío do marqués de Sobroso; Achas, señorío do conde de Salvatierra; e o couto redondo de Penafurada, señorío do conde de Amarante. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Fornelos e Salvaterra. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 co concello de Salvaterra.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos conservados cómpre destacar a igrexa de San Lourenzo de Salvaterra, os restos da antiga fortaleza de Salvaterra onde se atopan as chamadas Covas de dona Urraca, a casa-torre de Petán en Corzáns e os pazos das Barreiras, Porto, Arentei, dos Avalle e de Lira. O patrimonio natural está representado polos espazos naturaisl do río Tea e do Baixo Miño, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000.
No concello celébranse as festas de San Lourenzo e o Santísimo Cristo da Vitoria e as romarías de Santo Amaro, San Brais e Ascensión, ademais da Festa do Viño do Condado.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Condado, O
Extensión 62 Km2
Poboación Total 8761 h
Poboación Homes 4362 h
Poboación Mulleres 4399 h
Densidade de poboación 141.31 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias