Samos
Concello da comarca de Sarria, situado no SL da provincia de Lugo, no L da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Láncara e Triacastela (ambos os dous na comarca de Sarria), ao S con Folgoso do Courel (comarca de Quiroga), ao L con Pedrafita do Cebreiro (comarca dos Ancares) e Folgoso do Courel, e ao O co Incio e Sarria (ambos os dous na comarca de Sarria). Abrangue unha superficie de 136,6 km 2 cunha poboación de 1.768 h (2007), distribuída nas parroquias de Castroncán, Estraxiz, Formigueiros, Freixo, Frollais, Gundriz, Loureiro, Lousada, Montán, Pascais, Reiriz, Renche, Romelle, Samos, San Cristovo de Lóuzara, San Cristovo do Real, San Mamede do Couto, San Martiño do Real, San Xil de Carballo, San Xoán de Lóuzara, Santalla, Suñide, Teibilide e Zoó. A súa capital é a vila de Samos, situada a 42° 43’ 59’’ de latitude N e 7° 19’ 26’’ de lonxitude O, que dista 43 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Sarria.
Xeografía física
O concello de Samos aséntase nunha área de relevo moi accidentado, con presenza de serras elevadas e profundos e angostos vales. Trátase dun relevo moi pregado e fracturado, composto por materiais antigos como lousas, xistos ou bandas calearias. O sector noroccidental correspóndese coa depresión de Sarria que, con suaves pendentes, ascende cara ao L a través do río Oribio. Esta área é a máis baixa do concello, cun predominio de aluvións cuaternarios. No centro do concello atópase a serra do Oribio, divisoria de augas da conca do Miño, a través dos seus colectores Oribio e Neira, e a do Cabe, a través do río Lóuzara, cunhas altitudes bastante considerables cara ao L (Poza do Acelo, 1.443 m) e con dirección SO-NL. Os materiais predominantes son o xisto e a lousa. No S atópase o val do Lóuzara, unha depresión incidida polo río homónimo, con dirección SO-NL, que rapidamente cambia a N-S, meténdose no concello de Folgoso do Courel e no val do río Lor. Trátase dun val bastante angosto, limitado ao O pola serra da Trapa, un bloque montañoso de dirección variable que culmina a 1.304 m de altitude, e polo L polos montes de Lóuzara, moi incididos pola acción fluvial e elevados a 1.401 m de altitude. Os montes de Lóuzara e a serra do Oribio fan contacto na parte oriental do concello. O clima, dada a elevada altitude e a súa situación no interior de Galicia é oceánico continental, con matices de montaña. As temperaturas medias sitúanse arredor dos 10°C, con invernos fríos (3-4°C) e veráns frescos (16-17°C). As xeadas son moi frecuentes e prolónganse desde outubro ata abril. As precipitacións, elevadas en termos xerais, sitúanse arredor dos 1.500-1.600 mm na montaña e algo menos nas áreas de val. A neve é frecuente nos meses de inverno nas cotas máis elevadas. Ao tratarse dun espazo de montaña de transición cara ás serras orientais a vexetación encóntrase pouco danada, con bosques de especies autóctonas como o carballo, o carballo cerquiño, a aciñeira nas áreas calizas, a sobreira, o castiñeiro, o freixo, o salgueiro e o bidueiro. A rede fluvial está dividida en dúas concas, a do Miño no N e a do Sil no S. A primeira está composta polo río Oribio, tributario do Neira, e os seus pequenos afluentes, e a do Sil, composta polo río Lóuzara, tributario á súa vez do Lor.
Xeografía humana
Desde o punto de vista demográfico, o concello perdeu poboación durante a maior parte do s XX, especialmente a partir de 1950. En 1900, Samos contaba con 7.507 h, unha poboación que descendeu a causa da forte emigración cara a América (6.101 h en 1920), pero que posteriormente volveu medrar grazas ao elevado crecemento vexetativo e ao peche das saídas migratorias (7.187 h en 1940). A partir desta data asistíuse a unha forte sangría emigratoria causada polos movementos definitivos cara ás áreas urbanas como Sarria, Lugo, Euskadi, Madrid, Barcelona e os países europeos. Así, a evolución mostra un descenso demográfico que deixou ao concello cun terzo da poboación coa que contaba en 1940 (6.203 h en 1950; 4.436 h en 1960; 3.970 h en 1970; 3.145 h en 1981, 2.242 h en 1996, 2.057 h en 2001 e 1.768 h en 2007). En 2006 o crecemento natural foi negativo (-17,8‰) froito dunha baixa nataliadade (2,5‰) e unha elevada mortalidade (20,3‰), síntoma do envellecemento da poboación. Os maiores de 65 anos representan o 37,8% fronte ao 8,8% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 53,5%. Por sexos dominan os homes, 51, 86% fronte a 48,13% de mulleres. As entidades de poboación son moi pequenas, formadas por aldeas de tamaño reducido. O único núcleo que destaca é a pequena vila de Samos, que concentra os servizos de ámbito local.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Samos é do 42,5%a (51,1% a masculina e 33,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,4% (44,6% a masculina e 29,8% a feminina); e a taxa de paro acada o 11,8% (12,7% a masculina e 10,3% a feminina). Samos é un concello basicamente agropecuario, xa que case a metade da súa poboación está empregada no sector primario (44% dos activos). A pesar de que o número de explotacións agrarias non é demasiado elevado, máis da metade do concello está cuberto por masas forestais e matogueira, pois existe unha gran tradición gandeira, sobre todo no que se refire ao vacún con orientación cárnica. En 2007 o concello contaba con 6.421 cabezas de gando bovino. As reses pastan nas zonas elevadas, onde predomina a raza rubia galega. Menos importante é o vacún con orientación leiteira, que se localiza nas áreas rurais do fondo do val. Os sectores secundario (20,2%) e terciario (35,8%) non destacan demasiado. En canto ao secundario, o sector da construción ocupa ao 12,8% dos activos e a industria ao 7,4%, pero tan só destacan algunhas empresas mineiras de extracción de áridos. Os servizos e os equipamentos concéntranse na capital. A proximidade á vila de Sarria determina movementos pendulares diarios da poboación por motivos de traballo. Polo concello discorre a estrada local Sarria-Samos-Pedrafita que se corresponde co Camiño de Santiago.
Historia
A historia do concello de Samos é a do mosteiro de San Xián, sobre todo durante as idades Media e Moderna. O antigo nome do territorio, Sámanos, fai referencia a un lugar habitado por unha comunidade relixiosa. Fundado no s VI, en tempos de san Martiño de Dumio, foi restaurado posteriormente polo bispo de Lugo Ermefredo no s VII. Froila I (757-768) favoreceu o poboamento da zona con mozárabes e concedeu a varios monxes o lugar de Samos fixándolles un coto de milla e media, feito que foi confirmado por Afonso II. No s XII os monxes adoptaron a regra de San Bieito. A bula do Papa Alexandre III (1175) outorgoulle á abadía o exercicio dos seus dereitos xurisdicionais e económicos por un total de 105 igrexas de toda a comarca próxima e do Bierzo. En 1505 Samos incorporouse á Congregación de San Benito el Real de Valladolid. Nos ss XVII e XVIII foron de intensa actividade construtiva. Durante o Trienio Liberal, o mosteiro foi exclaustrado, e novamente en 1835, cando se produciu a desamortización. Os monxes volveron en 1880. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Samos pertenceron ás xurisdicións de Samos, rexido polo mosteiro e compartido nunha parroquia co conde de Lemos, e á da Pobra de San Xián, señorío do conde de Lemos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Samos e Lóuzara. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de Samos.
Patrimonio cultural
Os peregrinos que seguían o Camiño Francés de peregrinación a Santiago entre Triacastela e Sarria desviábanse do seu trazado orixinal para dirixirse ao mosteiro de San Xián, declarado BIC en 1944, onde aparece a pegada dos estilos gótico, renacentista e barroco. Ademais da igrexa e das dependencias monacais, cómpre destacar as igrexas parroquiais románicas de Santiago de Estraxiz, Santalla de Pascais, Santo Estevo de Reiriz e San Martiño do Real, e o pazo de Lusío (s XVI), as casonas de Froián e dos Miranda e a ponte sobre o Oribio. O patrimonio natural está representado polo espazo natural Ancares-Courel , declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as de San Bieito en xullo e as de Santa Basilisa en xaneiro, ademais da romaría de San Roque en Santalla de Lóuzara.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Sarria |
| Extensión | 136 Km2 |
| Poboación Total | 1768 h |
| Poboación Homes | 917 h |
| Poboación Mulleres | 851 h |
| Densidade de poboación | 13 h/Km2 |