San Cibrao das Viñas
Concello da comarca de Ourense, situado no centro-norte da provincia de Ourense e no centro-sur da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Ourense (comarca de Ourense), ao S coa Merca (comarca da Terra de Celanova) e Taboadela (comarca de Ourense), ao L co Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense) e Paderne de Allariz (comarca de Allariz-Maceda), e ao O con Barbadás (comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 39,5 km 2 cunha poboación de 4.151 h (2007), distribuída nas parroquias de Gargantós, Noalla, Pazos de San Clodio, Rante, San Cibrao das Viñas, Santa Cruz da Rabeda e Soutopenedo. A súa capital é o núcleo de San Cibrao das Viñas, situado a 42° 17’ 58’’ de latitude N e 7° 52’ 10’’ de lonxitude O, que dista 4 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
Desde o punto de vista xeomorfolóxico, San Cibrao das Viñas está vinculado á cubeta ourensá, coa presenza de distintas superficies de erosión moi degradadas, que tan só se conservan nalgunhas áreas onde as altitudes acadan os 300 ou 400 m. O concello está formado basicamente por granitos moi meteorizados de distinta tipoloxía así como algúns xistos. Desde a parte máis elevada, o sector S, o concello descende en altura a través dos vales do Barbañica, Soutolongo e Barbaña, que debuxan vales amplos, separados entre si por interfluvios compostos por materiais máis duros, resaltes que ficaron como residuais das superficies de erosión. As maiores altitudes localízanse no S (Gargantós, 463 m). O clima oceánico está matizado pola orografía e a situación no interior e no S da comunidade. Os trazos mediterráneos aprécianse nas temperaturas medias (14°C) e nas invernais (5-6°C), e nos calorosos veráns (21-22°C). As precipitacións son escasas (800 mm) como consecuencia do abrigo pluviométrico ao situarse nunha conca pechada. As xeadas son frecuentes, especialmente nos meses de xaneiro e febreiro, ao igual que as néboas de inversión.
Xeografía humana
San Cibrao das Viñas tivo un comportamento demográfico dividido en tres fases ben diferenciadas con movementos contrapostos. Entre 1900 e 1940 a poboación medrou de forma suave e continuada de xeito que, dos 3.410 h de 1900, pasou a 4.152 h en 1940, con algúns períodos intercensuales de decrecemento. O movemento natural de signo positivo foi o causante deste crecemento. Desde 1940 ata 1970 o descenso foi constante, como consecuencia do éxodo rural, especialmente cara a Ourense, e acadou un mínimo de 3.230 h en 1970. Desde entón comezou a medrar de novo, aínda que de forma moi suave. A instalación do polígono industrial a principios da década de 1970 e os movementos da poboación da cidade de Ourense fixeron que este concello medrase, especialmente nos últimos anos do s XX (3.230 h en 1970; 3.248 h en 1981; 3.310 h en 1996, 3.669 h en 2001 e 4.151 h en 2007). Aínda así, en 2006 o crecemento natural foi negativo (-3,6‰) froito dunha baixa natalidade (6,5‰) e unha alta mortalidade (10,1‰). Os maiores de 65 anos representan o 22,9% da poboación fronte ao 13,5% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 63,6%. Por sexos a composición está equilibrada: 50, 72% de mulleres e 49,31% de homes. A poboación foi sempre rural ata os últimos anos do s XX, en que a influencia da cidade ourensá se fixo notar de forma considerable con vivendas secundarias, novas vivendas principais e áreas industriais. Así, as maiores entidades, a capital e A Ponte Noalla concentran actividades e servizos.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de San Cibrao das Viñas é do 52,3% (62,5% a masculina e 42,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 46% (57,35 a masculina e 35,5% a feminina); a taxa de paro acada o 11,9% (8,3% a masculina e 16,9% a feminina). Está moi vinculado ao seu polígono industrial e á proximidade da cidade de Ourense, tal e como mostra a súa estrutura por sectores de actividade. O 5,1 % da poboación do concello dedícase ás actividades relacionadas co sector primario, cunha maioría de explotacións agrarias e silvícolas. O viñedo ocupa 55 ha, unha superficie bastante cativa, ao igual ca a gandaría, non demasiado destacada, se ben existen algunhas granxas avícolas e porcinas vinculadas á empresa COREN. O sector da construción ocupa ao 14,8% da poboación activa, mentres que o sector industrial (28,3% dos ocupados) é máis destacado, non polo emprego xerado no propio concello, senón pola superficie que ocupa, sobre todo nos distintos polígonos industriais que existen, situados nas proximidades da N-525, dos que destacan San Cibrao das Viñas, Barreiros e Noalla. Esta área industrial instalouse a través do programa Gran Área de Expansión Industrial de Galicia (GAEIG) na década de 1970. As áreas industriais en San Cibrao das Viñas albergan empresas de distintos ramos, como os plásticos, os prefabricados, automoción e asociados, maquinaria industrial, madeira e mobles e téxtil. Pero tamén existen numerosas empresas do comercio polo xunto e almacéns de alimentación, xoguetaría, mobles, materiais de construción, prefabricados de metal, produtos químicos, así como tamén servizos a empresas, entidades de transporte e loxística. O sector servizos ocupa o 51,8% da poboación activa. Polo concello discorren a autovía A-52 (Vigo-Benavente) e a N-525 (Santiago-Benavente), e o ferrocarril Ourense-Zamora.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras que forman o concello amósase nos xacementos paleolíticos de Pazos e Gargantós, onde se atoparon aparellos de pedra. De época castrexa consérvanse castros en Castroverde e na Cova da Moura. Os romanos tamén deixaron vestixios do seu paso con dous miliarios sobre o antigo trazado da calzada romana.Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de San Cibrao das Viñas pertencían ás xurisdicións de Noalla, señorío do cabido de Ourense e o conde de Maceda; Mezquita, señorío do conde de Monterrei e doutra señora laica; o couto redondo de Rábeda, señorío do bispo de Ourense; San Cibrao das Viñas, señorío da abadía da Santísima Trindade de Ourense; Souto de Penedo, señorío do marqués de Mós; Solveira de Belmonte, señorío do cabido de Ourense e doutro señor laico; e o couto redondo de Vilanova de Rante, señorío do bispo de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Noalla e San Cibrao das Viñas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa creación do concello de San Cibrao das Viñas.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Rante, que conserva arcos románicos con bólas, San Ildefonso, renacentista, construída lendariamente polas noites polos veciños do concello, que se relaciona co desexo de conseguir xurisdición propia, a de Pazos de San Clodio e a de San Miguel de Soutopenedo, que conserva elementos platerescos. Destacan tamén as capelas do Santo Cristo e a de San Roque. Da arquitectura civil destacan o pazo de Noalla, a casa nobre de San Cibrao e a casa de Vilanova. En Rante consérvase un cruceiro cunha columna circular coa representación na base da morte e dos aparatos da Paixón. Das festas que se celebran no concello sobresaen as da Santa Cruz en maio, Santa Ana en San Cibrao, Nosa Señora da Asunción en Rante, San Salvador en Noalla, San Brais en Pazos de San Clodio e Santa Lucía en Soutopenedo, ademais do magosto e do martes de Entroido.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 39 Km2 |
| Poboación Total | 4151 h |
| Poboación Homes | 2047 h |
| Poboación Mulleres | 2104 h |
| Densidade de poboación | 106.44 h/Km2 |