San Clemente, colexio de
Construción situada en Santiago de Compostela. Fundouno a comezos do s XVII o arcebispo compostelán Juan de Sanclemente Torquemada como colexio de teoloxía. Parece probable que as trazas fosen de Ginés Martínez, que tamén iniciaría as obras que continuou o seu discípulo Xácome Fernández. Ten planta cadrada con dúas alturas e organízase ao redor dun patio clasicista, con dúas plantas de arcos semicirculares. Construíuse en cachotaría agás a fachada que é de cantaría. O corpo principal da fachada está formado por dous corpos e tres rúas. No corpo inferior da rúa central atópase a porta de arco de medio punto, e nas rúas laterais dous pares de columnas, entre as que se abre unha fornela, erixidas sobre pedestais. Un entaboamento separa os dous corpos. As rúas laterais do corpo superior teñen a mesma estrutura ca as do inferior, mentres que na rúa central se abre unha ventá rectangular con balcón interior de ferro rematada nun frontón triangular partido co escudo do arcebispo. A portada remata en pináculos con bólas e nun frontón triangular. Ten unha capela situada na fachada posterior, cunha soa nave e capela maior cuberta con bóveda de canón. Foi sede de distintas institucións públicas e privadas ata que se converteu en centro de ensino secundario.