San Cristovo de Cea

San Cristovo de Cea


Concello da comarca do Carballiño situado no NO da provincia de Ourense, no centro-Sur da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 28’ 38’’ de latitude N e 7° 58’ 49’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Rodeiro (comarca de Deza), ao S cos de Maside (comarca do Carballiño) e Amoeiro (comarca de Ourense), ao L cos de Carballedo (comarca de Chantada) e Vilamarín (comarca de Ourense) e ao O cos de Piñor e O Carballiño (os dous da comarca do Carballiño). Abrangue unha superficie de 94,4 km 2 cunha poboación de 2.839 h (2007) distribuída entre as parroquias de Castrelo, Cea, Covas, Lamas, Longos, Mandrás, Oseira, Pereda, San Fagundo, Souto, Vales, Vilaseco e Viña. A súa capital é o núcleo de Cea, localizado a 22 km da capital provincial. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial do Carballiño.
Xeografía física
O relevo do concello está formado por dous espazos contrapostos: a montaña e a chaira, situados nunha área de transición entre a Dorsal Occidental Galega e a depresión do Miño. No N sitúanse as áreas montañosas con altitudes superiores aos 1.000 m (Martiñá, 1.039 m; Alledo, 1.011 m), que forman dúas aliñacións con dirección NL-SO e NNL-SSO, respectivamente, cun val estreito que as separa, o do río Oseira. Predominan os granitos e as bandas de xisto e cuarcita. Cara ao S, a altitude descende ata formarse unha superficie de erosión residual que se alza a uns 400-500 m e que descende paulatinamente cara ao S. Esta superficie de erosión está formada por materiais duros, como o granito, que resaltan nos interfluvios dos ríos Barbantiño, Silvaboa, Mirela e Arenteiro. Climaticamente, presenta certos matices mediterráneos e de montaña, debido ao seu emprazamento. As temperaturas medias anuais sitúanse ao redor dos 12°C, con invernos fríos (4-5°C) e veráns suaves (20-21°C). Nas áreas de montaña estes valores descenden notablemente. As precipitacións son relativamente escasas (800-900 mm), aínda que no N se rexistran valores máis elevados (1.000-1.200 mm). A vexetación está condicionada pola abundante presenza de especies foráneas que desprazaron case totalmente a vexetación autóctona de carballos, cerqueiros e castiñeiros, que alternan con superficies de toxal e xestas. Nas áreas de montaña a vexetación arbórea é moi reducida e predominan especies arbustivas ou prados naturais, no val consérvanse exemplos illados de especies mediterráneas, especialmente sobreiras.
Xeografía humana
San Cristovo de Cea tivo un dinamismo demográfico moi escaso ao longo de todo o s XX e na fin deste século produciuse un descenso máis notable dos seus efectivos poboacionais. A poboación de 1900 (6.441 h) duplicaba a existente a comezos do s XXI, unha cifra que foi descendendo paulatinamente (6.102 h en 1930) pois o forte crecemento vexetativo non puido facer fronte a unha intensa emigración. Nas décadas seguintes o reforzamento dos movementos migratorios e o descenso das taxas de natalidade provocou un continuo descenso (5.966 h en 1960 e 4.705 h en 1970), cunha recuperación en 1981 (5.242 h) motivada polo retorno de emigrantes, aínda que desde ese ano a poboación decreceu de forma continua (3.781 h en 1991; 3.447 h en 1996, 3.081 h en 2001 e 2.839 h en 2007). O avellentamento da poboación é unha constante na estrutura municipal, dada a alta taxa de mortalidade (17,6‰) e a baixa taxa de natalidade (4,2‰), deste xeito en 2006 o crecemento natural foi negativo (-13,4‰). O 37,4% da poboación é maior de 65 anos fronte ao 8,5% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 54%. Por sexoos a composición está equilibrada: 50,72% de mulleres e 49, 27% de homes. Non existen entidades urbanas no concello a excepción da capital municipal, unha pequena vila que concentra unha boa parte dos servizos e equipamentos locais.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de San Cristovo de Cea é do 40,3% (51,1% a masculina e 30,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,8% (47% a masculina e 29,3% a feminina) e a taxa de paro é do 6,1% (8% a masculina e 3,1% a feminina). Amosa un predominio das actividades do sector primario, aínda que cunhas porcentaxes discordantes, xa que a importancia do secundario e do terciario, está en relación coa proximidade da cidade de Ourense. No sector primario, que ocupa ao 19,4% da poboación activa, destaca a gandaría, en especial a porcina, que se concentra en granxas estabuladas que producen para as cooperativas agroalimentarias COREN; e a bobina, que se centra na carne de vacún das áreas de montaña. O secundario está encabezado pola industria (22,1% dos activos), representada por varios serradoiros, unha fábrica de bebidas e as distintas panadarías que fabrican o Pan de Cea. A construción (10,9% dos activos), céntrase na veciña cidade de Ourense e, en menor medida, na vila do Carballiño, que atraen man de obra local para as súas empresas, ao igual que ocurre coa industria. O sector servizos, que ocupa ao 47,6% da poboación activa, está encabezado polo comercio e os servizos públicos, moi relacionados todos eles con Ourense. Por outra banda, as empresas de transporte e as hostaleiras destacan ao longo da estrada N-525 e na capital municipal, que concentra a maior parte dos servizos. As principais estradas do concello son a N-525 (Santiago de Compostela-Benavente) e a OU-204 (Cea -Ribadavia).
Historia
A antigüidade do poboamento móstrase nos restos de poboacións castrexas e mámoas atopados na Martiñá, Covas e San Facundo. En 1137 os monxes do Císter fundaron o mosteiro de Oseira, que se converteu no eixe socioeconómico e relixioso das terras do NO de Ourense. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello pertencían ás xurisdicións de Amoeiro, señorío do conde de Ribadavia; Vilaseco, señorío de J. Temes; e Oseira, señorío do mosteiro de Cea, compartido nalgunha parroquia co marqués de Figueroa e outros señores. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Cea, Mandrás e Oseira. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de Cea.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destaca o mosteiro de Santa María a Real de Oseira, declarado BIC en 1923; as igrexas de Santa María de Covas, San Pedro de Mandrás, Santa Baia de Pereda; as pontes de Ponte Mandrás, Sobreira, Penapá, e o pazo da Pousa en Vilaseco; e a vila de Cea cos antigos fornos comunais. Preto do mosteiro atópase o Museo Etnográfico Olimpio Liste. O patrimonio natural está representado polo espazo natural da Pena Veidosa, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Das festas que se celebran no concello destacan a romaría de Nosa Señora da Saleta, o terceiro domingo de setembro, e a romaría de Nosa Señora de Covas, o 15 de agosto.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Carballiño, O
Extensión 94 Km2
Poboación Total 2839 h
Poboación Homes 1399 h
Poboación Mulleres 144 h
Densidade de poboación 30.2 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias