San Juan, condado de

San Juan, condado de

Título concedido por Filipe V a Francisco Calderón de Andrade en 1737, co vizcondado previo de San Vicente. O II conde de San Juan foi Vicente Félix Calderón Valdés (?-1804), cabaleiro da orde de Santiago e rexedor perpetuo de Santiago de Compostela. O III conde de San Juan foi o seu fillo Xosé María Calderón Losada (?-1846), cabaleiro da Real Maestranza de Ronda. O IV conde de San Juan foi o seu fillo Vicente Calderón Oreiro (Santiago de Compostela 1821-? 1888), membro do Partido Moderado e inclinado cara ao conservadorismo, deputado polos distritos de Noia (1857-1858), Vilalba (1864-1868) e Mondoñedo (1867-1868), senador por Lugo (1876-1877) e A Coruña (1877-1885) e presidente das deputacións de Pontevedra (1863-1864) e da Coruña (1875). O V conde de San Juan Xosé Félix Calderón Ozores (1853-1893) morreu sen descendencia polo que foi sucedido polo seu irmán Bieito Calderón Ozores , VI conde de San Juan. Sucedérono no título Vicente Calderón Montero-Ríos , VII conde de San Juan, Vicente Calderón Varela , VIII conde de San Juan e Vicente Calderón Colás , IX conde de San Juan desde 2002. Trae por armas, en campo de prata, cinco caldeiros de sable, postos en aspa, cunha bandeira de goles saíndo de cada un deles; bordo de goles con oito aspas de ouro. No timbre, coroa condal.