San Luis Potosí
Estado do N de México (63.068 km2; 2.299.360 h [2000]). A súa capital é San Luis Potosí. Ocupa os altiplanos setentrional e meridional, lixeiramente inclinados cara ao L, onde se atopa a Sierra Madre Oriental. Os ríos son escasos e de pouca importancia, o máis caudaloso é o Pánuco. O clima é árido. Ten minas moi importantes de ouro, prata, cobre, chumbo e mercurio. Habitado por tribos chichimecas e huaxtecas, o territorio foi ocupado polos casteláns en 1519-1520. A colonización foi rápida, especialmente desde que en 1590 se descubriron unhas grandes minas de ouro e prata, que se esgotaron cara a mediados do s XVII, aínda que máis tarde foron descubertas novas vetas. En 1810 uniuse aos independentistas e en 1824 creouse o estado de San Luis Potosí.