San Román, condado de
Título outorgado en 1692 por Carlos II a Xacinto Sarmiento de Valladares , señor de San Román de Saxamonde (Redondela) , e expedido por Filipe V en 1705. O título herdouno a súa curmá Xosefa de Omaña e Sarmiento de Valladares , II condesa de San Román, a quen sucedeu o seu fillo, Pedro de Miranda Omaña e Osorio , III conde de San Román e II marqués de Santa María del Villar. O IV conde de San Román foi Pedro Manuel Miranda Omaña e Trelles , fillo do anterior, a quen sucedeu o seu fillo Xoaquín Miranda e Gayoso (Pontevedra 1756-Espinosa de los Monteros 1808), V conde de San Román, tenente coronel do Rexemento de Milicias de Pontevedra, que loitou na Batalla de Espinosa de los Monteros, na Guerra da Independencia, onde morreu. A súa filla, María Xoaquina Miranda e San Sebastián foi a VI condesa de San Román, sucedida polo seu fillo Xosé de Losada Miranda (?-1856) VII conde de San Román, que herdou do seu pai o título de XIII conde de Maceda. Ao morrer sen descendencia todos os seus títulos pasaron ao seu irmán Baltasar de Losada Miranda (Madrid?-1907), VIII conde de San Román e XIV conde de Maceda, que foi deputado polo distrito de Carballo (1863-1865) e senador pola Coruña (1864-1865). Sucedeuno o seu fillo Baltasar de Losada Torres (Madrid 1861-?), XI conde de San Román e XV conde de Maceda, que foi deputado polos distritos de Xinzo (1891-1892) e Ourense (1899-1901) e gobernador civil de Gipuzkoa. A súa filla e sucesora, Beatriz de Losada Ozores (Madrid 1889-1969) foi a X condesa de San Román e XVI condesa de Maceda, que en 1951 cedeu o condado a súa filla Carmen Casani Losada , XI condesa de San Román. Desde 1988 o título (XII) osténtao Inés Pan de Soraluce Casani . Trae por armas escudo partido: primeiro, de goles, trece besantes de ouro postos 3, 3, 3, 3 e 1 (Sarmiento); segundo, axadrezado de ouro e azul (Valladares). No timbre, coroa condal.