San Sadurniño
Concello da comarca de Ferrol, situado no N da provincia da Coruña e da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 31’ de latitude N e 9° 56’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Moeche e Valdoviño (os dous da comarca de Ferrol), ao L co das Somozas (comarca de Ferrol), ao O cos de Neda e Narón (os dous da comarca de Ferrol) e ao S co concello da Capela (comarca do Eume). Abrangue unha superficie de 99,7 km 2 en que acolle unha poboación de 3.123 h (2007), distribuída entre as parroquias de Bardaos, Ferreira, Igrexafeita, Lamas, Naraío, San Sadurniño e Santa Mariña do Monte. A capital está no lugar de Avenida do Marqués de Figueroa, na parroquia de San Sadurniño, localizada a 110 km de Santiago de Compostela e a 33 km de Ferrol. Está adscrito á diocese de Mondoñedo-Ferrol e ao partido xudicial de Ferrol.
Xeografía física
O espazo físico de San Sadurniño está xerarquizado polo curso de dous ríos que máis adiante xuntan as súas augas para desembocar na ría de Ferrol, en Neda. O río Grande de Xubia forma un amplo val e percorre o concello de L a O. As elevacións neste sector son escasas e non superan os 350 m. Máis ao S, por onde discorre o río Castro, antigamente denominado Naraío, a altitude media elévase ata acadar as maiores altitudes na serra de Forgoselo, que culmina no Racamonde (542 m) e en Escoitadora (509 m), todos eles próximos ao límite co concello da Capela. A influencia benigna da proximidade do Atlántico incide no clima. As temperaturas son suaves, con 13°C de media anual e unha oscilación térmica que non supera normalmente os 10°C entre o mes máis frío, xaneiro, con 9-10°C e o máis cálido, agosto, con 18-19°C. As precipitacións pódense considerar abundantes, con máis de 1.500 mm de media anual e un gradiente que aumenta máis no S, cara ás elevacións da Capela. A superficie forestal municipal está en aumento pola repoboación de piñeiros e eucaliptos con fins económicos. Estas especies esténdense facilmente polos montes de baixa altitude, pola contra, o bosque autóctono de carballos e castiñeiros retrocedeu ata o seu illamento en enclaves concretos.
Xeografía humana
Ao longo do s XX, o concello de San Sadurniño experimentou unha evolución demográfica marcada por dous períodos de distinto signo que practicamente tiveron a mesma duración. Os primeiros cincuenta anos estiveron marcados por un lixeiro e constante crecemento dos efectivos, de tal xeito que en 1900 a poboación municipal era de 5.201 h e no censo de 1950 a cifra era de 6.622 h, o que supuxo un débil crecemento do 27,3% en cincuenta anos. A partir desa data a evolución tornouse negativa e en cada censo a perda foi polo menos do 10% da poboación, reducíndose o número de habitantes á metade, ata chegar aos 3.220 h en 2001 e aos 3.123 h en 2007. A debilidade do poboamento apréciase no dato de que a capital do concello, Avenida do Marqués de Figueroa, que é a localidade con maior número de habitantes. Ademais, trátase dunha poboación moi avellentada, pois o 31,7% ten máis de 65 anos fronte ao 9,9% de menores de 20; o grupo intermedio representa o 58,4%. Na repartición por sexos rexístrase un leve desaxuste favorable ás mulleres (51,10%), pola súa maior lonxevidade. Respecto ao poboamento, destaca o elevado número de entidades dunha extensión non excesivamente grande, polo que predomina o hábitat diseminado, de vivendas unifamiliares.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de San Sadurniño é do 42,1% (53,7% a masculina e 31,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,6% (50,8% a masculina e 27,3% a feminina) e a taxa de paro é do 8,4% (5,4% a masculina e 23% a feminina). San Sadurniño sempre tivo unha estrutura económica tradicional, baseada no sector primario, pero isto cambiou a comezos do s XXI, co aumento do secundario e sobre todo do terciario. O sector primario ocupa ao 24,4% da poboación, unha taxa relativamente baixa dada a importancia dos xubilados e a escasa incorporación da muller ao mercado de traballo. A influencia da cidade de Ferrol e da súa área periurbana nótase na industria, que dá traballo ao 27% da poboación activa, e na construción, co 10,5% do emprego, xa que a metade dos traballadores realizan a súa actividade noutro concello. No que se refire á industria local só destaca unha empresa de fabricación de taboleiros, situada no lugar da Fraga, con máis de 100 empregados. O sector terciario (38% dos activos) limítase aos servizos comerciais, sanitarios, administrativos e educativos mínimos, que se centran na capital municipal. A poboación acode a Ferrol, e secundariamente a Narón para a compra de bens e para os servizos máis especializados. A vía principal que atravesa o concello é a AC-642, que comunica Ferrol con Viveiro, e a AC-641, que comunica Ferrol con Lugo a través das Pontes de García Rodríguez.
Historia
As mostras máis antigas do poboamento das terras que forman o concello de San Sadurniño pertencen á época castrexa. Son os castros das Croas, Riboeira e da Croda do Redo. De época medieval consérvanse distinas doazóns como as de Naraío ao mosteiro de Xubia ou a de San Sadurniño aos condes de Traba. A historia do concello estivo ligada á do convento do Rosario de San Sadurniño, situado no lugar que ocuparon unha igrexa e un hospital fundados polos templarios. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello pertencían ás xurisdicións de Cedeira, señorío do conde de Lemos; Naraío, señorío do conde de Lemos; e San Sadurniño, señorío do marqués de San Sadurniño. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de San Sadurniño e Naraío. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de San Sadurniño.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destaca o antigo convento do Rosario, do que sobresae o claustro. O antigo pazo dos marqueses de San Sadurniño está moi modificado. En Naraío destacan a igrexa parroquial e os restos do antigo castelo coa torre da homenaxe. Do seu patrimonio cultural destaca o espazo de Xubia-Castro, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Naturar 2000. Das festas que se celebran no concello destacan as de Santa Isabel en xullo na capital municipal e en Igrexafeita as do Viscordel e as da Exaltación da Chanfaina. No monte de Miguelares, entre os concellos de San Sadurniño e A Capela, celébrase un curro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Ferrolterra |
| Extensión | 99 Km2 |
| Poboación Total | 3123 h |
| Poboación Homes | 1527 h |
| Poboación Mulleres | 1596 h |
| Densidade de poboación | 31.55 h/Km2 |
Parroquias
| Ferreira |
| Lamas |
| Naraío |
| San Sadurniño |
| Santa Mariña do Monte |