San Xerome, colexio de
Construción situada na praza do Obradoiro en Santiago de Compostela. Construíuse no s XVII como facultade menor de artes. Ten planta cuadrangular cun patio interior, deseñado por J. de la Peña de Toro. A fachada divídese en dúas plantas por medio de ventás e balcón corrido no piso superior, sostido por ménsulas. Incorporóuselle á portada do antigo colexio da Acibechería, realizada en estilo gótico no s XVI. Está formada por un arco de medio punto coas arquivoltas decoradas coas esculturas de santa Ana, a Virxe e o Neno, flanqueadas á dereira por María Salomé, santa Lucía, san Xerome, san Lourenzo,e santo Ambrosio, e pola esquerda por María Cleofás, María Madalena, san Gregorio Magno, santo Estevo e santo Agostiño. No tímpano represéntase a Virxe apocalíptica acompañada de santa Catarina e outra santa, identificada como santa Margarida; no lintel atópase o escudo dos Fonseca. As xambas están decoradas coas imaxes de san Pedro, san Paulo e, posiblemente, san Domingos de Guzmán, na dereita, e con Santiago Peregrino, san Xoán Evanxelista e san Francisco, na esquerda. É sede do reitorado da Universidade de Santiago de Compostela.