San Xoán de Río
Concello da comarca de Terra de Trives, situado no N da provincia de Ourense e no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 22’ 30” de latitude N e 7° 17’ 00” de lonxitude O. Limita ao N co concello de Ribas de Sil (comarca de Quiroga), ao L co da Pobra de Trives (comarca de Terra de Trives), ao S co da Pobra de Trives e Chandrexa de Queixa (comarca de Terra de Trives), e ao O co de Castro Caldelas (comarca de Terra de Caldelas). Abrangue unha superficie de 61,1 km 2 cunha poboación de 811 h (2007), distribuída entre as parroquias das Cabanas, Castrelo, Cerdeira, Medos, San Silvestre de Argas, San Xoán de Río, San Xurxo, Seoane de Argas e Vilardá. A capital está no lugar do Campo, na parroquia de San Xoán de Río, localizada a 166 km de Santiago de Compostela e a 68 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
O relevo, dominado pola alternancia entre granitos e lousas, pódese dividir en catro sectores claramente diferenciados. En primeiro lugar o potente macizo montañoso, da serra das Cabanas, con dirección L-O e altitudes comprendidas entre os 1.000 e 1.286 m, que serve de límite setentrional entre as terras de San Xoán de Río e o val do Sil, e culmina a una altitude de 1.286 m no monte Cerengo. Desde este macizo parte cara ao SO unha segunda aliñación montañosa, de cotas discontinuas con altitudes entre os 900 e 1.100 m, que enlaza máis ao S coa serra do Burgo e que serve de separación entre dous sectores levemente deprimidos: por unha banda unha penechaira, situada ao O, froito da acción erosiva dos afluentes do Edo, con altitudes comprendidas entre os 800 e 900 m e suavemente inclinada cara ao SO; e por outra o val do Navea, fortemente encaixado, en especial cara ao NL deste territorio. O concello está situado dentro do dominio climático oceánico de montaña, xa que ao estar localizado nunha penechaira de notable altitude media, o seu clima é moi rigoroso desde o punto de vista térmico e moderado respecto ás precipitacións. A temperatura media anual é de 8,9°C, a media de decembro é de 2,8°C, a de xullo de 16,7°C e a amplitude térmica extrema chega aos 26,6°C. A precipitación anual media é de 874 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 41% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 9% que se recolle en verán. A rede hidrográfica articúlase ao redor do val do Navea, que drena a franxa meridional e setentrional sen apenas recibir tributarios, e delimita o concello seguindo unha dirección SO-NL parcialmente fosilizado polo encoro de Guístolas; e a conca do Edo, que está formada por unha sucesión de regos todos eles tributarios pola esquerda (San Fitoiro e A Cruz), con dirección NL-SO. A vexetación natural está nun bó grao de conservación, destacan as masas de castiñeiro nas penechairas centrais e algunhas especies de carácter mediterráneo como aciñeiras e sobreiras no val do Navea.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello é fortemente negativa, xa que a poboación de 2001 é a cuarta parte da poboación de 1900, momento en que chegou ao seu máximo demográfico, e a partir do que se produciu unha continua perda, sen poder falar de período intercensual algún de verdadeira recuperación demográfica. Ata 1950 a evolución demográfica foi estable, as taxas case sempre foron negativas (a única excepción correspondeu á década de 1940, cando creceu un inapreciable 0,02% interanual), alternando con momentos en que as perdas foron máis apreciables (entre 1900 e 1910, un -0,34% interanual e entre 1920 e 1930, un -0,35% interanual), con outras próximas ao estacamento (entre 1910 e 1920, un -0,10% interanual e entre 1930 e 1940, un -0,06%). Entre 1950 e 1970 aumentaron as perdas de poboación (-0,92% interanual), que se converteron nun auténtico éxodo entre 1981 e 1991 (-4,96% interanual), para retomar valores máis moderados na década final do s XX (-3,10% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -12,98%.A emigración, moi acusada nun territorio de montaña e dominado pola agricultura de autosubsistencia, foi a causante do despoboamento alarmante deste concello, cada vez máis avellentado e débil desde o punto de vista vexetativo. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-21,9‰) pois a natalidade é a máis baixa de Galicia (0,6‰) e a mortalidade moi elevada (22,5‰) o que demostra o importante grao de avellentamento. Os menores de 20 anos só supoñen 6,3% da poboación mentres que os de máis de 65 anos son o 51,7%; o grupo intermedio representa o 42%. Por sexos a poboación é predominantemente femenina, xa que supón o 51,544 % da poboación fronte ao 48,45%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de San Xoán de Río é do 34,8% (44,5% a masculina e 25,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,1% (39,3% a masculina e 23,7% a feminina) e a taxa de paro é do 10,5% (11,8% a masculina e 8,4% a feminina). A base da economía de San Xoán de Río sempre foi o sector primario, pero isto cambiou a comezos do s XXI cando se produciu a terciarización da economía. O sector primario ocupa ao 27% da man de obra, a superficie cultivada representa o 5,02% do territorio e os principais cultivos son os forraxeiros, a pataca e o centeo. Os prados e pastos esténdense polo 39,36% do territorio e alimentan ao armentío bovino dirixido á produción de carne. A industria representa o 15% da man de obra e non existen empresas de consideración no seu territorio. A construción acolle ao 16,1% dos ocupados. Os servizos, aínda que supoñen o 42% da man de obra, caracterízanse pola extrema debilidade dos seus equipamentos, só existentes na capital. A principal vía de comunicación é a estrada C-536, da Rúa a Ourense. Outras estradas complementarias son as que enlazan a capital municipal co alto da Cerdeira e con San Clodio (Ribas de Sil).
Historia
As mostras máis antigas do poboamento do concello son da Idade de Bronce, unha espada en Mouruás e diversas mámoas. En época romana, atravesaba o concello a vía que unía Braga e Astorga, da que se conserva algún tramo na ponte Navea e miliarios en Cerdeira. Durante o Antigo Réxime as parroquias que forman o actual concello pertencían ás xurisdicións de Cabanas, señorío do marqués de Castelar e doutro señor laico; Castro Caldelas, señorío do conde de Lemos; e o couto redondo de Río e Xunquedo, señorío do marqués de Castelar. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela houbo no seu termo municipal, un concello denominado Río, pertentence ao partido xudicial de Castro Caldelas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 coa formación do concello de Río, que posteriormente tomou o nome actual.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Argas, con pórtico románico, San Xoán de Río, barroca do s XVIII, a Virxe do Carme de Seoane e Santa María de Castrelo. Das festas que se celebran sobresaen as de San Xoán.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Trives |
| Extensión | 61 Km2 |
| Poboación Total | 811 h |
| Poboación Homes | 393 h |
| Poboación Mulleres | 418 h |
| Densidade de poboación | 13.3 h/Km2 |