Santa Alianza
Tratado asinado en París o 26 de setembro de 1815 por Federico Guillermo III de Prusia, Francisco I de Austria e Alexandre I de Rusia. Adheríronse os demais soberanos europeos agás Xurxo III de Inglaterra, o Papa Pío VII e o sultán de Constantinopla. Foi unha acción concertada das potencias vencedoras de Napoleón I Bonaparte para manter a orde europea que resultou da súa vitoria. Iniciada co Tratado de Chaumont (1814) que estableceu a Cuádrupla Alianza, concretouse nos acordos do Congreso de Aquisgrán (1818), onde xa foi admitida a Francia da Restauración. Baseouse na celebración de congresos periódicos e na aplicación do principio de intervención, restrinxido primeiramente ao caso dunha eventual revolución en Francia e ampliado en 1820 aos outros países da Alianza ou a calquera outro que fixera perigar a estabilidade destes. Así, interveu contra o réxime constitucional español coa invasión dos Cen Mil Fillos de San Luís (1823). Foi inoperante e as potencias absolutistas non interviñeron ao se producir en Francia a Revolución de 1830.