Santa Comba
Concello da comarca de Xallas, situado no centro-O da provincia da Coruña e no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 43° 02’ 10” de latitude N e 9° 10’ 50” de lonxitude O. Limita ao N co concello de Coristanco (comarca de Bergantiños), ao L cos concellos de Tordoia (comarca de Ordes) e Val do Dubra (comarca de Santiago), ao S cos da Baña e Negreira (os dous da comarca da Barcala), e ao O co de Mazaricos (comarca de Xallas) e co concello de Zas (comarca de Terra de Soneira). Abrangue unha superficie de 203,7 km 2 cunha poboación de 10.588 h (2007), distribuída entre as parroquias de Alón, Arantón, Bazar, Cícere, Fontecada, Freixeiro, Grixoa, Grixoa de Esternande, Mallón, Montouto, A Pereira, San Salvador de Padreiro, Santa Comba, Santa Sabiña, Ser, Vilamaior e Xallas de Castriz. A capital está no lugar de Santa Cataliña de Armada, na parroquia de Santa Comba, localizada a 55 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Negreira.
Xeografía física
O concello caracterízase pola presenza do val do río Xallas, curso fluvial que atravesa o concello desde o NL ao SO, e pola superficie de aplanamento que se atopa ao redor dos 300 m de altitude e que se estende pola maior parte do concello, onde forma unha paisaxe en forma de meseta, con pequenas ondulacións. O concello sitúase dentro do dominio climático oceánico hiperhúmido, propio das terras que se atopan na transición entre a costa e as penechairas do interior. O clima caracterízase pola súa suavidade térmica durante todo o ano. A temperatura media anual é de 13°C e a oscilación térmica anual de 11°C, como resultado dunhas medias en xaneiro de 8°C e en xullo de 19°C. A media de precipitación anual é de 1.779 mm, pero a distribución estacional deixa ver a existencia dunha clara seca estival. A vexetación autóctona de carballos e castiñeiros foi substituída por bosques de eucaliptos e de piñeiros que cobren a maior parte do espazo sen cultivar.
Xeografía humana
A pesar de ter un número de habitantes considerable, a evolución ao longo do s XX debe considerarse de forma negativa. En 1900 o concello contaba con 9.075 h e desde ese momento os sucesivos censos foron certificando un incremento demográfico continuo, cun leve estancamento na década de 1920 pola emigración a ultramar. O seu máximo poboacional acadouse no censo de 1960, cando Santa Comba rexistrou 12.115 h, pero na década seguinte produciuse un novo estancamento, tamén como consecuencia da emigración, nesta época cara a outros países de Europa, Catalunya, Madrid ou Euskadi. Nas décadas seguintes a poboación permaneceu practicamente invariable (11.492 h en 1970; 11.385 h en 1981 e 11.347 h en 1991). Na década de 1990 iniciouse un nova corrente emigratoria, fundamentalmente cara a Santiago de Compostela e outras cidades galegas, que condicionaron un novo retroceso qu se mantén nos inicios do s XXI: 10.794 h en 2001 e 10.588 h en 2007. En 2006 o crecemento natural da poboación foi negativo (-5,1‰) froito dunh a baixa natalidade (6,6‰) e unha elevada mortalidade (11,7‰). A estrutura da poboación amosa un relativo avellentamento, acrecentado fundamentalmente polo recorte da poboación de menor idade. Os menores de 20 anos representan o 15% do total, mentres os maiores de 65 o 24%; o grupo intermedio representa o 61%. No reparto por sexos a situación é lixeiramente favorable ás mulleres: 51, 40% fronte ao 48,59% de homes. No concello destaca a elevada presenza do hábitat diseminado.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Santa Comba é do 48,1% (61,4% a masculina e 35,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 43% (54,4% a masculina e 32,5% a feminina) e ataxa de paro do 10,6% (11,4% a masculina e 9,5% a feminina). En canto á estrutura económica destaca a importancia do sector primario, co 24,8% dos traballadores, neste caso non como un sector desenvolvido e adaptado ás necesidades dos mercados urbanos próximos, senón cun claro carácter residual, de actividade de autoconsumo sen orientación económica. No subsector da construción traballa o 21% da man de obra e na industria o 15,1% do total, subsector en que destaca a cooperativa XALCO, que ten a súa sede no concello e que se dedica fundamentalmente á produción de pensos para o gando. A maior parte dos activos ocupados inclúense no sector servizos, 39,1% da man de obra, e fundamentalmente no subsector do comercio. Destacan a AC-545, que é a principal estrada do concello e que conecta Santa Comba con Santiago de Compostela, e a AC-402, que comunica Santa Comba con Muros.
Historia
A antigüidade do poboamento do concello amósase nos castros identificados no seu territorio, como San Bertomeu (Santa Sabiña), Bosaña de Arriba (Castriz) e Castro Laberco (Mallón). Atopáronse tamén vestixios romanos, entre eles unha estela funeraria. Durante a Idade Media foi o solar do condado de Trastámara, situado tras o Tambre. Herdado polo Rei Enrique II, este cedeuno a Pedro Álvarez de Osorio. Os seus sucesores levaron o título pero non o señorío. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello pertenceron ás xurisdicións de Xallas, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, compartido nunha parroquia co marqués de Parga e noutra co mosteiro de Sobrado; e Muros, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Cícere e Xallas. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa creación do concello de Santa Comba.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan os pazos de Cícere de Arriba e Cícere de Embaixo e a torre de Randufe, declarada BIC en 1994. Celébranse, entre outras festas, as de San Pedro e San Paulo en xuño, as do Carme en Vilar de Céltigos, a romaría de San Bertomeu no monte homónimo en Santa Sabiñas e a romaría do santuario de Rubín, ao redor da fonte de San Miguel.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Terra de Soneira |
| Extensión | 203 Km2 |
| Poboación Total | 10588 h |
| Poboación Homes | 5145 h |
| Poboación Mulleres | 5443 h |
| Densidade de poboación | 52.16 h/Km2 |