Santiago o Maior

Santiago o Maior

(Betsaida ? - Xerusalén 42?) Apóstolo, fillo de Zebedeo e Salomé e irmán de Xoán Evanxelista. Pescador do lago Xenesaret, el e seu irmán recibiron de Xesús o nome de Boanerges, ‘fillos do trono’, pola súa impetuosidade. Os Evanxeos amósano, con Pedro e Xoán, como un dos apóstolos predilectos de Xesús, que estivo presente na transfiguración no Tabor, na resurrección da filla de Xairo e na oración de Xesús no monte das Oliveiras. Segundo os Feitos dos Apóstolos, foi o primeiro en sufrir martirio, morrendo decapitado por orde do Rei Herodes. Segudo a tradición, predicou en Hispania. No s IV Dídimo o Cego, san Xerome e Teodorto de Ciro refírense á predicación do apóstolo en Hispania, cuxo contexto non o permite identificar con san Paulo. Nos catálogos grecobizantinos dos apóstolos dos ss V e VI afírmase expresamente a predicación hispana de Santiago, igual ca nos Comentarios ao profeta Nahum, que se atribuíron a san Xián de Toledo, e nos Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana (s VIII) e nun himno latino, posiblemente seu, de tempos do rei asturiano Mauregato (783-788). Fóra de España, tamén o afirma san Adhelmo (709), abade de Malmesbury, nunha inscrición composta para un altar. A lenda, transmitida pola Epistola Leonis e pola Translatio, con distintas versións, conta como os seus discípulos recolleron o seu corpo e o trasladaron nunha barca a Galicia, onde desembarcaron no porto de Iria. Unha vez alí, dirixíronse cara á Raíña Lupa, que vivía nun suntuoso palacio doce millas cara ao oriente, e suplicáronlle que lles cedese un terreo para facer unha sepultura digna do apóstolo. A raíña, entregada á idolatría, tentou desfacerse deles con distintas argucias. Finalmente, confundida porque os discípulos se libraran prodixiosamente de todas as súas trampas, converteuse ao cristianimso e cedeu as súas terras para a sepultura do apóstolo. Segundo os documentos da época, o descubrimento da tumba tivo lugar no último terzo do s IX, sendo bispo de Iria Flavia Teodomiro, quen llo comunicou ao Rei Afonso II que inmediatamente mandou construír unha igrexa, xerme da cidade e da catedral de Santiago de Compostela. A peregrinación a este lugar deu orixe ao Camiño de Santiago. O apóstolo, invocado como protector e adaíl das tropas cristiás durante a Reconquista, é o patrón de Galicia e de España. Presenta tres tipos iconográficos diferentes: camiñante, co traxe dos peregrinos nobres, cun sombreiro de á ancha, un bordón con cabaza nunha man e un libro sobre a outra; sedente, en actitude de recibir os peregrinos e de mestre que ensina; e cabaleiro ou guerreiro, representado coa espada en alto e montado no seu cabalo, que baixo as súas patas asoballa varios guerreiros mouros, é Santiago matamouros, símbolo da Reconquista. A súa festividade celébrase o 25 de xullo, instituído como día da Patria Galega.