Sanxenxo

Sanxenxo


Concello da comarca do Salnés situado no centro-O da provincia de Pontevedra e no SO da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa posición xeográfica é 42° 43’ de latitude N e 8° 48’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Meaño (O Salnés), ao O co do Grove (O Salnés), ao L co de Poio (comarca de Pontevedra) e ao S co Océano Atlántico. Abrangue unha superficie de 45,1 km 2 cunha poboación de 17.077 h (2007), distribuída entre as parroquias de Adina, Arra, Bordóns, Dorrón, Gondar, Nantes, Noalla, Padriñán e Vilalonga. A capital está no lugar de Sanxenxo, na parroquia de Padriñán, a 17 km da capital provincial e a 69 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Cambados.
Xeografía física
O seu relevo caracterízase especialmente pola liña de costa areosa, chea de boas praias, que lle conceden unha localización privilexiada para converterse na capital turística das Rías Baixas. Diferéncianse dous sectores, un ao L, con algunhas elevacións como o alto de Gorita (257 m) ou Condo Loraño(254 m), e outra ao O, en que predominan as pendentes suaves con cumios que non superan os 170 m de altitude. Desde o punto de vista xeomorfolóxico, todo o concello forma parte dunha superficie de aplanamento, en que a erosión litolóxica diferencial provocou que queden en resalte algúns relevos residuais. A benignidade do clima é o outro factor condicionante do forte reclamo turístico de Sanxenxo. A temperatura media anual supera os 15°C e a amplitude térmica sitúase entre os 10°-11°C, con xaneiro como o mes máis frío, cunha temperatura media próxima aos 10°C, e xullo como o máis caloroso con medias superiores aos 20°C. As precipitacións son abundantes, como corresponde a un clima oceánico húmido, con 1.500 mm anuais de media. Os escasos cursos fluviais percorren o concello de xeito intermitente, e destacan os regatos de Dorrón, Baltar e Fabaíños. As formas vexetais climax víronse moi afectadas pola acción antrópica, xa que foron substituídas por grandes extensións de especies de repoboación, ou ben foron degradadas ata converterse en espazos de mato ou rocha núa.
Xeografía humana
O concello é un dos máis significativos de Galicia en canto ás súas características demográficas, pois aínda que durante a maior parte do ano os seus habitantes superan lixeiramente os 16.000, cando chega o mes de xullo pode chegar a máis de 100.000. Este feito supón que Sanxenxo acade a taxa de función turística máis elevada de Galicia, indicador que pon en relación o número de prazas de aloxamento turístico co número de habitantes. A evolución demográfica de Sanxenxo ao longo do s XX amosa un continuo incremento, desde os 7.732 h rexistrados en 1900 aos 16.098 de 2001. O crecemento produciuse de forma leve nas primeiras décadas do s XX para despois incrementar o ritmo desde a década de 1970, cando o turismo comezou a ser o motor do concello. O único período intercensual que reflicte un lixeiro cambio de tendencia foi a década de 1950, pois no censo de 1950 contabilizáronse 12.003 h e no de 1960, 11.027 h. O aumento continuou nos primeiros anos do s XXI e así pasouse dos 16.098 h en 2001 a 17.077 h en 2007. En 2006 o crecemento natural da poboación foi positivo (1,6‰) froito dunha alta natalidade (9‰) e unha moderada mortalidade (7,4‰). Segundo a estrutura demográfica, o concello caracterízase por ter un grao de avellentamento moi inferior á media da provincia e da comunidade autónoma, xa que a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos sitúase no 17,3%, mentres que os menores de 20 supoñen o 18,4% do total; o grupo intermedio representa o 64,3%. Na repartición por sexos o equilibrio tamén se mantén, pero cunha lixeira vantaxe para as mulleres. 50,86% fronte ao 49,13% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) de Sanxenxo é do 56% (67,1% a masculina e 45,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,6% (60,6% a masculina e 37,2% a feminina) e a taxa de paro é do 13,3% (9.6% a masculina e 18,3% a feminina). Sanxenxo depende da actividade turística, pero isto non é un síntoma de desenvolvemento, pois o clima e as características destes fluxos vacacionais son tremendamente estacionais en Galicia, xa que o boom turístico de todo o ano non dura en realidade máis que dos ou tres meses. Na repartición da poboación ocupada por sectores de actividade destaca a preponderancia dos servizos, pois ocupa ao 51,5% da man de obra, especialmente no subsector do comercio e no da hostalaría. A construción agrupa ao 21,3% da poboación activa, a industria ao 12 %, a agricultura ao 4,5% e a pesca ao 10,6%. Portonovo aínda é un porto de pesca importante dentro da costa pontevedresa. En canto ás vías de comunicación destaca a Vía Rápida do Salnés (VRG41), Pontevedra-O Grove e a comarcal C-550 que vai pola costa.
Historia
Os restos máis antigos atopados nestas terras testemuñan o seu poboamento desde o Paleolítico. Moitos deles sitúanse na praia da Lanzada, onde se atoparon abundantes restos do Neolítico, datados hai máis de 6.000 anos e onde posteriormente se asentou un poboamento castrexo a partir do s VI a C, que continuou habitado nos séculos altomedievais, a xulgar pola necrópole escavada dos ss III e IV. Desde época fenicia e romana ata mediados do s XVIII, explotáronse as salinas, das que destacan as de Noalla e Vilalonga, que desde antigo orixinaron disputas pola súa importancia económica: o Rei Afonso III doounas á mitra compostelá, mentres que o bispo Sisnando II entregoulle a explotación de seis delas a diversos mosteiros. A finais do s XVII e durante o XVIII comezou a cimentarse o pasado señorial da vila, co asentamento de distintas familias nobres. Na Idade Moderna, e practicamente ata a metade do s XX, a pesca foi a actividade económica dominante, con sucesivas remodelacións dos portos existentes. Durante o Antigo Réxime, todas as súas parroquias estaban baixo a xurisdición da Lanzada, pertencentes á provincia de Santiago e sobre elas exercía o seu señorío o arcebispo de Santiago de Compostela, compartindo as de Dorrón e Vilalonga con señores laicos. No primeiro terzo do s XIX creáronse os concellos de Dorrón, Sanxenxo e Portonovo, que pasaron a depender do partido xudicial de Cambados e que desde 1836 se fusionaron no concello de Sanxenxo. En 1837 pasaron a formar parte del as illas de Ons e Oncela, que en 1844 pasarían a formar parte do concello de Bueu.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destacan as igrexas parroquiais de Santa María de Adina, San Pedro de Vilalonga e San Xenxo de Padriñán, así como a ermida de Nosa Señora da Lanzada (s XII); a torre da Lanzada (BIC, 1995) en Santo Estevo de Noalla; e os pazos de Gondar, cunha torre do s XV, Padriñán, da Maza e de Miraflores. O patrimonio natural está representado polo espazo natural do complexo Ons-O Grove , declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. O concello celebra as festas patronais en honor a san Xenxo a finais de agosto e as de San Roque, a mediados do mesmo mes, en Portonovo. Resaltan tamén a romaría da Lanzada, o último sábado de agosto e a do Luns do Con, unha tradicional subida ao monte Ventureira.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Salnés, O
Extensión 45 Km2
Poboación Total 17077 h
Poboación Homes 8391 h
Poboación Mulleres 8686 h
Densidade de poboación 379.49 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa parroquias