Sapieha
Liñaxe nobre polonesa orixinaria de Lituania. O seu nacemento remóntase a Sunigal Sapieha (?-1330). O seu fillo recibiu o nome de Simón Sapieha e foi admitido dentro da nobreza polonesa. De dous netos seus formáronse as liñas existentes: os Sapieha-Rožański, que obtiveron a dignidade de príncipes do Sacro Imperio Romano-Xermánico (1700) e os Sapieha-Kodeński, cuxos membros foron condes (1572) e príncipes (1633) do Sacro Imperio. A súa ascensión foi obra de Lew Sapieha (1557-1633), gran chanceler de Lituania (1589-1623). Lew Sapieha (1802-1878) e o seu fillo Adam Sapieha (1828-1878), distinguíronse na loita pola liberación de Polonia. Adam Sapieha (1867-1951), foi arcebispo de Cracovia (1925) e cardeal (1946), en cuxa figura se personificou a resistencia do pobo polonés contra o dominio nazi.