sarcófago

sarcófago

(< lat sarcophăgus

s m [ARQUEOL/ARTE]

Arca sepulcral feita para conter un cadáver e utilizada en íntima relación co culto dos mortos e cos ritos funerarios da inhumación. Desde a prehistoria fabricáronse de diferentes materiais, formas e decoracións. A maioría dos que se conservan son de pedra ou terra cocida e domina a forma prismática rectangular. En Exipto tamén eran antropomorfos e adoitaban levar inscricións xeroglíficas, motivos arquitectónicos e xeométricos. En Creta, en época minoica, eran de forma de paralelepípeda e ían decorados con motivos naturalistas. En Chipre (s V a C) eran de pedra esculpida, con patas e historiados. Os fenicios difundiron o tipo de sarcófago antropoide que imitaba a forma do cadáver estendido e reproducía a máscara na tapa. Entre os sarcófagos romanos dominou o tipo prismático de mármore con relevos, que acumulaba tanto a tradición grega como a etrusca e iconograficamente reflectía o repertorio habitual do helenismo, a miúdo acompañando o retrato do defunto. Os sarcófagos do cristianismo primitivo son unha directa prolongación da tradición romana. Pouco a pouco foron illados e reinterpretados algúns motivos pagáns, como os temas bucólicos do Bo Pastor e escenas de pesca, e os pedagóxicos do lector ou o filósofo en forma de Cristo-Mestre, e introducíronse novos temas do Antigo e Novo Testamento. Despois de 410, os talleres de Roma deixaron de traballar e xurdiron centros en Arles, Milán e Ravenna e en Tárraco ou en Cartago. Máis adiante houbo outros talleres en Marsella, Narbona e Tolousse que traballaron ata o s VII. Na Alta Idade Media o sarcófago, en forma de arca de pedra lisa con tapa de dúas vertentes ou de volta, foise abandonando. No mundo románico, dalgunha sepultura escavada baixo o pavimento sobresaía un falso sarcófago esculpido, ou a tapa sostida por columnatas ou figuras de leóns, e nalgunhas ocasións cubríase cun baldaquino. Nos sepulcros góticos, arrimados a un muro ou illados, o sarcófago era só un soporte arquitectónico da imaxe do defunto. A inspiración clásica foi retomada maioritariamente durante o Renacemento (sepulcros de Inocencio VIII e de Sisto IV, de A. Del Pollaiolo, en San Pedro do Vaticano). Miguel Anxo (Tumbas dos Medici en San Lourenzo, Florencia) iniciou un novo modelo, con grandes volutas que sosteñen figuras simbólicas, que foi común durante todo o Barroco, alternado co modelo clásico, agora elaborado cun gusto escenográfico (sepulcro de Urbano VIII, de Bernini en San Pedro do Vaticano).

Sinónimos

Palabras veciñas

Sarcocornia | sarcodino -na | Sarcodon | sarcófago | sarcoide | sarcoidose | sarcolema