Sarria

Sarria


Concello da comarca de Sarria, situado no centro-leste da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 46’ 80” de latitude N e 7° 24’ 70” de lonxitude O. Limita ao N con Láncara e O Páramo, ao L con Láncara e Samos, ao S co Incio e ao O con Paradela (todos eles situados na comarca de Sarria). Abrangue unha superficie de 184,6 km 2 cunha poboación de 13.422 h (2007), distribuída nas parroquias de Albán, Barbadelo, Belante, Betote, Biville, Calvor, O Camiño, Castelo dos Infantes, Cesar, A Chanca, Chorente, Corvelle, Fafián, Farbán, Ferreiros, Fontao, Frades, Goián, Lier, Loureiro, Lousadela, Louseiro, Maside, O Mato, Meixente, Nespereira, Ortoá, A Pena, Piñeira, A Pinza, Requeixo, Rubín, San Fiz de Reimóndez, San Fiz de Vilapedre, San Miguel de Vilapedre, San Pedro de Froián, San Sadurniño de Froián, San Salvador da Pena, San Vicenzo de Froián, San Xulián da Veiga, Santalla de Arxemil, Santo André de Paradela, Santo Antolín, Santo Estevo do Mato, Sarria, Seteventos, A Veiga, Vilamaior, Vilar e Vilar de Sarria. A súa capital está na vila de Sarria, na parroquia do mesmo nome, a 132 km de Santiago de Compostela e a 31 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Sarria.
Xeografía física
O relevo do concello está caracterizado pola sensación de planitude froito da superposición de dúas grandes unidades morfolóxicas: a depresión de Sarria, con dirección N-S, localizada no NL do territorio; e unha superficie de aplanamento que se estende polo resto do concello. Esta superficie, que abrangue o O e o S do concello, no O aparece resolta como unha aliñación N-S, mentres que só no seu extremo N adquire certa entidade no macizo do monte Páramo (876 m). No S queda configurada como unha segunda aliñación, de dirección O-L, que conecta cos contrafortes máis occidentais das serras orientais e separa as depresións de Lemos e Sarria. As altitudes medias son algo superiores, e fíxanse entre os 600 e 700 m. Os sectores central, L e N están ocupados pola depresión de Sarria que se resolve na alternancia entre pequenos vales e aliñacións de escasa entidade, pero no seu sector máis setentrional acada unha notable planitude, nun nivel altitudinal arredor dos 430 m. Desde o punto de vista litolóxico existe unha división entre os terreos graníticos na chaira e depósitos non consolidados do Terciario na depresión. O concello está situado na transición entre os dominios climáticos oceánico continental e o oceánico de montaña. A súa situación dá como resultado un clima caracterizado por certa continentalidade e certa rigorosidade térmica, en especial durante o inverno. A temperatura media anual é de 10,8°C, cunha media en xaneiro de 4,6°C e en xullo de 17,7°C. A amplitude térmica extrema acada os 24,5°C e a precipitación anual media é de 1.457 mm, cunha distribución estacional que amosa unha seca estival co 10% das precipitacións fronte ao 39% en inverno, e fican con valores medios a primavera co 26% e o outono co 25%. A rede hidrográfica correspóndese fundamentalmente á conca do Sarria, afluente do Neira, que se estende por case as catro quintas partes do concello seguindo unha dirección L-O para logo tomar o sentido N-S. Ao atravesar este territorio recibe pola esquerda os afluentes Toldaos, Oribio, Chouzán e Pequeno. Unha pequena porción do concello, concretamente o O, percórreo o Loio, afluente do Miño, que ten aquí a súa cabeceira, e cara ao que se dirixen os ríos Lamas, Goílle e Marzán. Predomina a vexetación atlántica, e extensas masas de carballos e castiñeiros cobren o territorio. Só no N a intensa política de concentración parcelaria nas terras máis chairas da depresión provocou a súa práctica desa-parición e a substitución por cultivos.
Xeografía humana
Ao longo do s XX a poboación aumentou nun 3,7%, resultado dun período inicial positivo demograficamente e unha etapa final negativa. Entre 1900 e 1910 sufriu unha forte expansión demográfica, que o leva a medrar nun 2,45% interanual. Entre 1910 e 1930 sufriu unha lixeira regresión que se traduce nunha perda dun -0,37% interanual, debido á forte emigración que afectaba ao interior lucense. Entre 1930 e 1950 volveu crecer (0,81% interanual) e acadou o seu máximo demográfico en 1950. Entre 1950 e 1970 iniciou un proceso de forte despoboamento que provocou unha perda do -1,26% interanual, debido á forte emigración cara a Catalunya e a Coruña e Lugo. Entre 1970 e 1981 viviu unha etapa de estabilización (-0,04% interanual), que deu paso a un moderado crecemento entre 1981 e 2001 (0,45% interanual), debido á finalización das fortes correntes migratorias e ao protagonismo da vila sarriá, convertida nun foco de atracción. Entre 2001 e 2007 o crecemento continuou cifrado no 4,3%. Non obstante , en 2006 o crecemento natural foi negativo (-7,4‰), motivado por unha natalidade do 6‰ e unha elevada mortalidade, 13,4‰. A consolidación de Sarria nas últimas décadas como centro de servizos e foco de industrialización endóxena mudou a evolución negativa deste concello. A súa historia demográfica provoca un incipiente avellentamento (os menores de 20 anos son o 14,5% da poboación e os de máis de 65 anos o 25,5%; o grupo intermedio representa o 60,1%) reforzado polos inmigrantes retornados. Por sexos dominan as mulleres (51,15%) fronte ao 48,84% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sarria é do 50,9% (61,2% a masculina e 41,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,5% (56,2% a masculina e 35,4% a feminina); e a taxa de paro acada o 10,5% (8,1% a masculina e 13,9% a feminina). O sector primario ocupa ao 19,9% da man de obra. Destaca un importante sector cooperativo que intenta incrementar a produtividade do sector gandeiro e mellorar a comercialización dos seus produtos. A superficie cultivada representa o 31,17% do seu territorio, en especial nas terras máis achairadas do N, onde predominan as forraxes, o centeo e o trigo. Os armentíos bovino e porcino sufriron un incremento numérico nos últimos anos, e racionalizáronse as producións cárnicas e lácteas. Esta vocación gandeira desenvolveuse, sobre todo, desde mediados do s XX, coa selección de razas e dun réxime de estabulación. A industria ocupa ao 18,1% dos traballadores, pois a vila é un importante foco de industrialización endóxena, onde destaca a industria do moble, da madeira, de materiais de construción, agroalimentarias, fertilizantes, bebidas, de maquinaria, mineiras e de transformados metálicos. A construción representa ao 10% dos ocupados, cunha importante actividade inmobiliaria na capital municipal. Os servizos representan un 52% da man de obra. Sarria destaca como centro de servizos para toda a comarca, en que inflúe ser sede de importantes feiras, o seu importante equipamento comercial e de servizos, a acumulación de servizos a escala comarcal e os beneficios da puxanza do turismo xacobeo. As principais vías de comunicación son as estradas C-546, de Lugo a Monforte de Lemos, e C-535, entre Becerreá e Portomarín, á que se unen outras, como a que comunica Sarria con Samos e Pedrafita do Cebreiro. A liña Palencia-A Coruña atravesa o concello con estación en Sarria.
Historia
Nas terras do concello apareceron vestixios que testemuñan o seu poboamento desde o Neolítico. Ademais dos restos da Idade de Bronce, tamén os hai de numerosos castros que estiveron habitados ata a romanización. Durante o s VI converteuse en condado, no s XII en señorío e desde 1543 nun marquesado no que se sucederon os Castro ata 1777, cando pasou á Casa de Alba. O seu esplendor a partir da época medieval vinculouse ao paso do Camiño Francés -que o atravesaba de L a O-, feito que se reflectiu na construción de varios hospitais para os peregrinos, como o da Madalena, o de Santo Antón ou a leprosaría de San Lázaro. Tamén destacou polo feito de que foi nas súas terras onde finou en 1230, Afonso IX, despois de fundar a vila de Sarria, cando facía o Camiño de Santiago de Compostela. Durante o Antigo Réxime o seu territorio estaba dividido en numerosas xurisdicións, das que destacan pola súa cantidade as rexidas por casas fidalgas (Castelo dos Infantes, Goián, Meixente, couto redondo de Pinza, Vilapedre, Vilar de Vilapedre e couto redondo de Biville), ás que se engadían os señoríos do mosteiro de Samos (César e Samos), e do conde de Lemos (Sarria). En 1821 constituíronse os concellos de Viville, Pinza, Sarria e Vilapedre, pertencentes ao partido xudicial de Sarria, que desde 1822 pasaron a depender, en canto á tributación, á nova provincia de Lugo e que desde 1835 se fusionaron no concello de Sarria. O segundo fito da Historia sarriá foi a chegada do tren no segundo terzo do s XIX, o que consolidou o seu papel como importante centro comercial e industrial dunha rica comarca agropecuaria. Sarria foi sempre cabeza de partido xudicial, a excepción do período 1965-1988 cando pasou a depender do de Lugo.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan as medorras de Arxemil e os castros de Aguiada (Lier), Toxal (Lousadela) ou Lier (Calvor). Como arquitectura relixiosa destacan o mosteiro de Santa María Madalena, e as igrexas parroquiais de San Fiz de Reimóndez, Santa María de Albán, San Martiño de Requeixo, San Miguel de Goián ou San Salvador da Pena. En canto á arquitectura civil destacan a torre-fortaleza de Sarria, os pazos de Farbán (Farbán), Vilasante (Fontao) a Tumbiadoiro (Vilamaior), a casa-torre de Barrio (Louseiro), e a ponte vella de Sarria, a torre de Vilar (Loureiro) e o conxunto de edificios ao longo da rúa Maior da capital municipal. O concello celebra as festas patronais en honor a san Xoán entre os días 23 e 27 de xuño. Tamén destacan a celebración do Entroido ou da Semana Santa, así como a romaría campestre dos Remedios, no alto de Cesar.

Datos de poboación (2007)

Provincia LUGO
Comarca Sarria
Extensión 184 Km2
Poboación Total 13422 h
Poboación Homes 6556 h
Poboación Mulleres 6866 h
Densidade de poboación 72.95 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias