Semana Tráxica, A
Nome con que é coñecida a revolta popular de signo antimilitarista e anticlerical que estalou en Barcelona en xullo de 1909. A súa orixe inmediata foi a oposición ao relanzamento da campaña colonial marroquí. O embarque de tropas comezou en Barcelona o 11 de xullo, e nos días seguintes producíronse manifestacións antibelicistas e incidentes no porto e nas rúas. O luns 26 as forzas obreiras convocaron a folga xeral contra a guerra, e a violencia desatouse. A protesta desbordou o comité de folga e tomou un cariz insurreccional non previsto. A revolta, carente de orientación política, foi canalizada cara ao incendio de igrexas e conventos, fronte á pasividade do exército. A falta de apoio exterior dos sublevados, a chegada de novas forzas militares e o deterioro interno da revolta cambiaron o signo da loita, e o luns 2 de agosto a normalidade era completa. A represión foi moi forte e arbitraria, con case 2.000 procesados polas xurisdicións civil e militar, e esta última ditou numerosas penas de morte, cinco delas foron executadas.