semicondutor -ra
(< semi- + condutor)
-
adx
[FÍS]
Que ten propiedades intermedias entre as dos bos condutores eléctricos e as dos illantes, cunha condutividade que depende de diversos factores, como a temperatura, a tensión ou a inclusión de impurezas na súa estrutura.
-
s
m
[FÍS/QUÍM]
Substancia intermediaria entre os bos condutores e os illantes. O estudo teórico e as aplicacións dos semicondutores deron lugar a unha nova rama da electrónica, denominada do estado sólido. As propiedades eléctricas dos semicondutores débense a que teñen unha banda de condución separada da banda chea por unha banda prohibida moi estreita. Todas as bandas de enerxía dun sólido están sempre cheas ata a máis elevada, que pode estar tamén chea ou medio chea. Cando unha banda de enerxía está chea, o conxunto non pode dar orixe a ningunha corrente eléctrica. Se se aplica un campo eléctrico nun sólido coa última banda medio chea, os electróns desta banda aceleraranse e algúns pasarán a ocupar estados superiores da mesma banda. Os corpos condutores teñen a banda de enerxía superior a medio encher. Pero os semicondutores teñen a última banda ocupada totalmente chea a baixa temperatura, e esta banda queda separada da banda contigua superior baleira por un intervalo de enerxía prohibida. Ao aumentar a temperatura, unha parte dos electróns da banda chea acadan enerxía dabondo para pasar á contigua, que queda medio chea e permite a condución eléctrica. Os semicondutores son sempre elementos con catro electróns de valencia, unidos por enlaces covalentes. Se se introducen átomos pentavalentes, denominados doadores, o semicondutor denomínase de tipo n e posúe máis electróns libres, o que facilita a condución. De introducir átomos trivalentes, denominados aceptores, trátase dun semicondutor de tipo p; a falta de electróns libres crea novos buracos móbiles que tamén contribúen á condución. Todas as aplicacións dos semicondutores baséanse na combinación adecuada deses dous tipos de semicondutores p e n. O semicondutor que máis se emprega é o silicio, que permite a obtención de circuítos integrados, mediante tecnoloxías bipolares ou MOS. Hai semicondutores compostos, formados por elementos dos grupos III e IV, como o arseniuro de galio (GaAs) ou o fosfuro de indio (InP). Tamén os hai compostos por elementos dos grupos II e VI, como o sulfuro de cadmio (CdS) ou o sulfuro de cinc (ZnS).
-
semicondutor amorfo
[FÍS/QUÍM]
Semicondutor non cristalino formado por átomos que non presentan unha ordenación periódica de longo alcance.