sexo
(
-
s
m
[BIOL/XEN]
Conxunto de modalidades bioquímicas, fisiolóxicas e orgánicas que polarizan os individuos dunha mesma especie en machos e femias, de maneira que entre eles chega a ser posible, polos adecuados procesos de conxugación ou fecundación, unha periódica modificación da información xenética. En seres vivintes primitivos (bacterias e protistas) o sexo maniféstase nunha polarización pouco marcada. En seres superiores (vexetais ou animais) o fenómeno sexual continúa a ser diferente do reprodutor, mais prodúcense conxuntamente. Neles a polarización sexual dos individuos é máis clara, e a reprodución sexual ten lugar mediante a formación de gametos producidos por meiose ou repartición equilibrada e variable do material hereditario. A diferenciación ou polarización dos individuos a causa do sexo maniféstase en moitos niveis e dá lugar a unha gran variedade de formas. O nivel máis básico de diferenciación é o cromosómico. A determinación cromosómica do sexo é moi variable. Nalgunhas especies, a determinación do sexo non é cromosómica, senón que é debida á influencia do medio sobre un individuo potencialmente bisexual, que fai que desenvolva a potencialidade masculina ou ben feminina. O réxime alimentario, o pH, o lugar, a luz ou a temperatura, poden actuar como factores deteminados do sexo nalgunhas especies. A diferenciación xenética tradúcese en diferenciacións fisiolóxicas e orgánicas. Danse diferentes posibilidades: un só sexo e unha soa clase de individuos (todos femininos) e neste caso a reprodución é por partenoxénese; dous sexos en dous tipos de individuos (moi frecuente en animais e menos en vexetais) ou unisexualismo; dous sexos nunha soa clase de individuos ou hermafroditismo (pouco frecuente en animais e moi común en vexetais superiores); e dous sexos en máis de dúas clases de individuos (tres, como en certos crustáceos, ou máis de tres, como en certos insectos sociais). A diferenciación dos sexos acostuma traducirse en caracteres externos visibles: nalgúns casos o dimorfismo sexual é tan forte, que macho e femia foron considerados durante moitos tempo especies diferentes; noutros casos hai signos externos claros dentro dunha figura común (crista do galo, cornamenta do cervo ou barba do home); ás veces a diferenza sexual externa é difícil de establecer (moitas especies de aves). A identidade sexual do individuo queda en moitos casos sometida a unha notable mobilidade. Frecuentemente o individuo cambia de sexo coa idade (hermafroditismo sucesivo en moitos peixes e crustáceos); noutros casos prodúcense cambios de sexo por factores relativamente accidentais (presenza dalgún parasito, pequenas flutuacións hormonais); en vertebrados superiores (aves e mamíferos) o sexo ten unha estabilidade moi clara: neles pódense producir cambios nos caracteres sexuais secundarios, mais non na constitución sexual básica. Con técnicas de enxeñaría xenética ou de hibridación artificial, ábrense perspectivas de intervención nos mecanismos naturais de determinación do sexo. Todo o proceso xenético que supoña a aparición dos sexos presenta unhas notables vantaxes evolutivas, razón pola que a reprodución sexual se xeneralizou na biosfera. A reprodución sexual presenta tamén un inconveniente: os gametos teñen que encontrarse para a fecundación, cousa que esixe os medios e os mecanismos adecuados. Este punto foi solucionado polos mecanismos de copulación, de transporte dos gametos ou do control neurolóxico da etoloxía da atracción intersexual. A alternancia de individuos sexuais adultos e gametos, coas correspondentes posibilidades diploide ou ben haploide, fai que cada especie teña o seu ciclo cromosómico característico. A reprodución sexual esixe un control estrito dos mecanismos de encontro dos gametos no interior da comunidade sexual que é a especie. Morfoloxicamente os sexos están extraordinariamente adaptados para que entre eles se produza a adecuada relación que posibilita a fecundación; os órganos copuladores, cando a fecundación é interna, manifestan unha estrita especificidade. Ademais, todo o organismo presenta os convenientes sistemas de estimulación, atracción ou recepción do sexo complementario. En moitas especies, sobre todo vexetais, o encontro dos gametos é dominantemente pasivo. Nos animais os comportamentos de emparellamento son regulados neuroloxicamente e mostran unha gran variedade de formas de orientación da parella, sinais e movementos, que constitúen os ritos para cortexar e garanten a unión exclusiva co individuo adecuado do outro sexo. Ao longo do proceso evolutivo, a rixidez que impoña o programa xenético nos mecanismos de busca da parella é progresivamente substituída pola aparición do pracer, gratificación que asegura a función copuladora permitindo unha maior plasticidade no comportamento. No caso da especie humana esta plasticidade de comportamento é evidente e correlativa coa aparición dunha recompensa de fruición e cunha carga afectiva, xunto coa orixinalidade imposta polo cerebro intelectual.
-
s
m
Xenitais externos do macho e a femia.
-
s
m
Exercicio da actividade sexual.
-
s
m
Conxunto de individuos dun ou doutro sexo. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].
Refráns
- A cama redonda fai a noite longa.
- A moza e a parra non se ven ben, se non lle erguen a faldra.
- Cama de noivos, dura coma croios.
- Cando vires a candea no castiñeiro, leva a ovella ao carneiro.
- Detrás do vicio vén o fornicio.
- Na cama redonda, pouco sono e moita troula.
- O home mullereiro acaba consigo e co diñeiro.
- Os traballos dos casados son traballos honrados.
- Ti que querías, eu que tiña gana, sucedeu o que o diaño esperaba.
- Traballando sen candil fanse fillos mil.
- ¡A lingua vaia e veña; as mans, quedas!
- ¡Catade o que facedes entre sebes e paredes!
- ¡Deus me apare mesón que a dona me faga algo e o mesoneiro non!
- ¡Muller, ímonos deitar, que ternos que traballar!