Sidón

Sidón

Antiga cidade de Fenicia, que corresponde coa actual Ṣ aydā, uns 40 km ao S de Beirut, en Líbano. Documentada no III milenio a C, caeu en poder dos exipcios durante o reinado de Tutmosis III. Ata finais da XVIII dinastía (1567-1320 a C) foi a cidade fenicia máis importante, causa da súa expansión comercial por Siria e pola conca mediterránea. Vítima dos pobos do mar, caeu en poder dos filisteos (1191? a C) e perdeu a súa hexemonía en beneficio de Tiro. Durante o predominio dos asirios, e posteriormente dos neobabilónicos, mantívose fiel. Sometida polos aqueménidas, levantouse en van (344 a C) contra Artaxerxes III. A partir da súa conquista por Alexandre o Grande cambiou diversas veces de mans entre os seléucidas e os tolemaicos. En época romana (66 a C-385) organizouse como república, e no período bizantino (395-667) foi sé dun bispado. Foi conquistada polos árabes en 667. Tomada (1111) por Balduíno I, converteuse na capital do señorío de Sagette. Disputada varias veces polos musulmáns, a caída de Acre (1291) significou tamén a de Sidón, que pasou a formar parte en 1517 do Imperio Otomán. Coa caída deste (1918) incorporouse a Líbano.

Palabras veciñas

Sidney, Henry | Sidney, Philip | sido | Sidón | Sidonio Apolinar, san | sidra | Sidre