Sil

Sil

Afluente, o máis importante, do río Miño, que a través de 228 km de lonxitude (123 km en territorio galego), percorre as provincias de León, Ourense e Lugo. Nace no val de Laciana, no municipio de Villablino (León), nos contrafortes da Cordilleira Cantábrica. Na provincia de León recibe as augas do Boeza, Cúa, Burbia, Tremor e Cabrera. Penetra na Comunidade Autónoma de Galicia pola provincia de Lugo, no encoro de Penarrubia, no concello de Rubiá, e atravesa os concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, Petín, A Rúa, Larouco, Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Castro Caldelas, Sober, A Teixeira, Parada de Sil, Nogueira de Ramuín, Pantón e A Peroxa, onde desemboca no río Miño, na parroquia dos Peares. Os principais afluentes galegos son o Casoio, Mariñán, Leira, Candís, Soldón, Quiroga, Lor, Cabe, Mao e Bibei. O relevo da conca é unha sucesión de vales encaixados e depresións tectónicas como as de Valdeorras, Quiroga, Lemos e O Bolo. O sector setentrional, que engloba a serra do Courel e as depresións de Quiroga e Lemos, caracterízase pola sucesión de vales, cristas e cubetas terciarias; e o meridional, por un relevo máis suave, onde se produce un encaixamento profundo do río dando lugar ao Canón do Sil, un val profundo e estreito con vertentes moi inclinadas, rectificadas en determinadas zonas por socalcos artificiais. A súa conca abrangue uns 8.020 km2, cun caudal medio de 184 m3/s na súa confluencia co Miño. Conta cun réxime pluvionival que acada os máximos niveis en xaneiro, febreiro, marzo, abril e incluso maio, e os mínimos en xullo, agosto e setembro.