silicato

silicato

(

  1. s m [QUÍM]

    Denominación xenérica dos anións poliatómicos que teñen o silicio como átomo central, e dos compostos de natureza moi diversa que conteñen eses anións. Os silicatos poden obterse por fusión conxunta da sílice con carbonatos de metais alcalinos, en forma de mesturas complexas, e clasifícanse estruturalmente de acordo co número de osíxenos do tetraedro de SiO 4 que comparten. Cando non se comparte ningún, están os silicatos discretos, que conteñen o anión SiO 4 4- , coñecido como ortosilicato, e dos que destacan a torita (ThSiO 4 ), o circón (ZrSiO 4 ) e os granates. Cando a asociación se produce mediante un só átomo de osíxeno, fálase tamén de silicatos discretos que conteñen o anión Si 2 O 7 6- , coñecido como pirosilicato e que aparece na thortveitita ((Sc,Y) 2 Si 2 O 7 ) e na hemimorfita (Zn 4 (OH) 2 Si 2 O 7 ·H 2 O). Respecto aos silicatos en que a asociación se produce mediante o compartimento de dous átomos de osíxeno de cada tetraedro de SiO 4 , poden dar lugar tanto a estruturas cíclicas discretas como a cadeas lineais poliméricas, que se coñecen xeralmente como metasilicatos. Os de tipo cíclico responden á fórmula xeral [Si n O 3n ] 2n- , e coñécense dous: Si 3 O 9 6- , que aparece na benitoíta (BaTiSi 3 O 9 ) e Si 6 O 18 12- , que aparece no berilo (Be 3 Al 2 Si 6 O 18 ). As estruturas lineais conteñen cadeas infinitas de tetraedros de SiO 4 , e poden representarse coa fórmula xeral (SiO 3 2- ) n . Este tipo de estrutura aparece nos piroxenos, no diópsido (CaMg(SiO 3 ) 2 ) e na enstatita (MgSiO 3 ). A asociación mediante tres átomos de osíxeno dos tetraedros de SiO 4 dá lugar a estruturas bidimensionais extensas que responde á fórmula xeral (Si 2 O 5 2- ) n . Esta estrutura aparece nas micas. Finalmente, a asociación mediante os catro átomos de osíxeno dá lugar ao edificio tridimensional da sílice, que se caracteriza pola fórmula (SiO 2 ) n . Os silicatos empréganse sobre todo na preparación de refractarios, cementos, vidros, intercambiadores iónicos, cribas moleculares e illantes térmicos.

  2. s m [MINERAL]

    Mineral formado esencialmente por grupos tetraédricos SiO 4 que están unidos entre eles directamente ou por catións. Os silicatos son os compoñentes máis importantes das rochas e constitúen, xunto co cuarzo, o 95% da parte coñecida da codia terrestre. Atópanse, en gran parte, como constituínte das rochas ígneas. Son exemplos de silicatos o cuarzo, os feldespatos e as micas. Nas condicións de formación das rochas metamórficas orixínanse unha serie de silicatos. Pola contra, nas rochas sedimentarias non hai formación destes minerais, senón que só hai fases de transformación deles, dos que son máis típicos as arxilas. Os silicatos clasifícanse segundo a disposición dos seus grupos SiO 4 en: nesosilicatos, sorosilicatos, inosilicatos, filosilicatos e tectosilicatos.

Palabras veciñas

Silgar, praia de | Siliana | silic(i)- | silicato | sílice | silíceo -a | silici-