silicio
(< lat silĭce)
-
s
m
[QUÍM]
Elemento químico de número atómico 14, que pertence ao grupo IV A da táboa periódica. Foi illado por J. J. Berzelius en 1824 por redución con potasio do tetrafluoruro de silicio (SiF 4 ). É, despois do osíxeno, o elemento máis abundante da codia terrestre, da que constitúe un 26% en peso. Está formado por unha mestura de tres isótopos naturais estables con masas 28 (92,21%), 29 (4,70%) e 30 (3,09%), que determinan un peso atómico de 28,086. Coñécense tamén cinco radioisótopos artificiais do elemento, con masas que van de 25 a 32. O silicio está amplamente difundido na natureza, e está presente no Sol, nas estrelas e nos meteoritos. O método de obtención máis empregado comercialmente consiste na redución da sílice con carbono nun forno eléctrico. O silicio elemental cristalino presenta puntos de fusión e ebulición moi elevados, e é un semicondutor intrínseco. A característica química máis importante do silicio é a súa tendencia a combinarse co osíxeno para formar estruturas poliméricas ou discretas en que cada átomo de silicio está rodeado por catro átomos de osíxeno. Os seus compostos son esencialmente covalentes, e moitos gozan dunha grande importancia económica. Destacan os hidruros, como o silano, e os seus derivados alquilados e haloxenados, os haloxenuros, como o tetrafluoruro (SiF 4 ) e o tetracloruro (SiCl 4 ), o dióxido de silicio e os seus derivados, os siliciuros, análogos aos carburos, e os compostos binarios, con elementos electronegativos (carburo, nitruro), moi duros e de propiedades refractarias. O silicio pode introducirse na estrutura de toda unha gama de compostos orgánicos, aos que lles confire propiedades moi interesantes. Desde o punto de vista biolóxico, o silicio ten nalgúns casos un papel importante, e é o material básico para a construción da parede celular de diversas algas (crisofíceas, diatomeas). A respiración continuada de pos de natureza silícica ocasiona nos humanos unha enfermidade pulmonar grave, a silicose. O silicio aplícase, na súa forma elemental, en electrónica para a fabricación de dispositivos semicondutores e células fotoeléctricas, e en metalurxia para a preparación de aceiros especiais e outras aliaxes, e na preparación de diversos compostos.
-
carburo de silicio
[QUÍM]
Sólido en forma de cristais negros de gran dureza, moi inertes, que se subliman con descomposición a 2.200°C. É un dos materiais más duros que se coñecen, e ten aplicación como refractario, abrasivo e, en forma de monocristal, como semicondutor.
-
dióxido de silicio
[MINERAL]
sílice.
-
nitruro de silicio
[QUÍM]
[
-
tetracloruro de silicio
[QUÍM]
Líquido incoloro, fumante, de olor sufocante, moi corrosivo, soluble nos medios apolares, que bole a 57,6°C. Ten aplicación como intermediario na purificación do silicio, na preparación de siliconas e na produción militar de cortinas de fume.