Silleda

Silleda


Concello da comarca de Deza situado na provincia de Pontevedra no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 35’ de latitude N e 8° 35’ de lonxitude O. Limita ao N con Vila de Cruces (comarca de Deza), ao L con Lalín (comarca de Deza), ao S con Forcarei (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), e ao O coa Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes) e Boqueixón (comarca de Santiago). Abrangue unha superficie de 168 km 2 cunha poboación de 9.053 h (2001), distribuída nas parroquias de Abades, Ansemil, Breixa,Carboeiro, O Castro, Cervaña, Chapa, Cira, Cortegada, Dornelas, Escuadro, Fiestras, Graba, Lamela, Laro, Manduas, Margaride, Martixe, Moalde, Negreiros, Oleiros, Parada, Pazos, Piñeiro, Ponte, Refoxos, Rellas, Saídres, Siador, Silleda, Taboada, Vilar e Xestoso. A capital é o núcleo de Silleda, na parroquia homónima, que dista 68 km de Pontevedra e 33 km de Santiago de Compostela. Pertence ao partido xudicial de Lalín e ás dioceses de Santiago e Lugo.
Xeografía física
O seu relevo caracterízase polo contraste entre as terras altas, situadas fundamentalmente ao S, onde destacan o monte San Bieito (1.014 m) na serra do Candán ou o monte Chamor (819 m) no límite co concello de Forcarei, e os vales encaixados que non superan os 100 m de altitude. De forma esquemática existe unha gradación desde o extremo meridional formado pola serra do Candán ata o límite N do concello que forma o curso do río Deza, onde se suceden distintas superficies de aplanamento, e os vales transversais, que descenden en dirección SSO-NNL cara ao río Deza, e introducen cortes nese esquema xeral de sucesión do relevo. O clima é oceánico húmido, cunha temperatura media anual de 14°C e unha amplitude térmica de 12°C; o mes máis frío é xaneiro con 7°C de media e o mes máis cálido, agosto, con 19°C. As precipitacións son abundantes, especialmente nas serras meridionais, cunha media de 1.800 mm ao ano. A rede hidrográfica está organizada a través dos ríos Deza e Toxa, ademais dos afluentes Toxa, Escuadro e Casela. A vexetación autóctona, mesturada con piñeiros e eucaliptos, aínda se conserva nas zonas máis elevadas do concello.
Xeografía humana
A evolución demográfica de Silleda ao longo do s XX caracterízase por seguir tendencias diverxentes en diferentes momentos. En 1900 o censo rexistraba 11.483 h, que nas posteriores dúas décadas se incrementou ata acadar en 1920 13.205 h. Volve aumentar en 1950 e acada o máximo poboacional con 13.490 h censados. A partir dese ano e durante toda a segunda metade do século, o descenso foi continuo aínda que moderado: 9.980 h (1981), 9.527 h (1996), 9.089 h (2001) e 9.053 h (2007). En 2006 o crecemento natural foi negativo (-4,7‰), froito dunha baixa natalidade (7,3‰) e unha elevada mortalidade (12‰). A estrutura da poboación amosa unha poboación avellentada: o 26,1% da poboación ten máis de 65 anos e o 14,4% son menores de 20 anos; o grupo intermedio é o 59,4%. A repartición xeral por sexos amosa un certo desequilibrio favorable ao sexo femenino: 51,54% fronte ao 48,45%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Silleda é do 51,2% (61,8% a masculina e 41,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 48,1% (58,3% a masculina e 38,9% a feminina) e a taxa de paro acada o 6,2% (5,7% a masculina e 6,8% a feminina). A pesar de non ser o sector que agrupa a un maior número de ocupados (31,3%), as actividades agropecuarias dominan a economía de Silleda. Trátase dun sector desenvolvido, cunha forte imaxe empresarial e que conta na Semana Verde de Galicia cun referente a escala nacional na exposición dos diversos avances tecnolóxicos. Destaca o subsector da gandaría, con 13.548cabezas de bovino (2007) e 3.811 cabezas reprodutoras e 25.371 cabezas de cebo de porcino (2005). As empresas máis importantes do concello reflicten o peso do sector primario, destacando por volumen de negocio varias cooperativas de produción e de fabricación de pensos. O sector secundario ocupa ao 24,1%, cunha maior relevancia do subsector da construción, 14,7%, fronte á industria, 9,4%. O terciario agrupa á maior porcentaxe de ocupados, o 44,6 %. As principais vías de comunicación que atravesan o concello son a N-525 (Santiago de Compostela-Benavente), a N-640 (Vilagarcía de Arousa-Silleda) e a autoestrada Santiago-Ourense AP-53.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos vestixios atopados, como o castro das Mamuelas en Refoxo, As Penas en Breixa, o Castro do Cura en Cortegada, ou os gravados rupestres do castro de Primadouro en Breixo (BIC,1974) ou a Peneda do Campo en Siador. No s X os condes Gonzalo e María Tareixa fundaron o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Na torre de Cira desenvolvéronse as loitas entre o arcebispo Xelmírez e a raíña dona Urraca. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Silleda pertenceron ás xurisdicións de Carboeiro, rexida polo mosteiro de San Martiño Pinario; Cira, señorío do conde de Altamira e o marqués de Santa Cruz; Piñeiro de Valenzuela, señorío do marqués de Santa Cruz compartido por dous señores laicos; o couto redondo de Refoxos, señorío do mosteiro de Santa María de Acibeiro; e Trasdeza, señorío compartido polo arcebispo e o cabido de Santiago de Compostela, o arcediano de Deza, a encomenda de Beade, o conde de Lemos e outros señores laicos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Escuadro, Grava, Manduas, Breixa, Laro, Lamela, Taboada e Silleda. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela formouse o concello de Chapa. A pugna entre Chapa e Silleda pola capitalidade culminou en 1853 co traslado da capital a Silleda e adoptando o nome actual.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de Santiago de Breixa, Santa María de Abades, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (BIC, 1931) e o santuario barroco de Nosa Señora dos Desamparados. No eido da arquitectura civil sobresaen o pazo de Transfontao (s XVIII), a torre de Cira (BIC, 1995) e a fortaleza de Chapa (BIC, 1995), ademais das pontes Carboeiro e da Carixa, ambas as dúas sobre o río Deza. O patrimonio natural está representado polo espazos naturaisdo sistema fluvial Ulla-Deza, das Brañas de Xestoso e da Serra do Candán, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Das festas que se celebran no concello destacan as de Santa Isabel en Escuadro, San Sebastián en Moalde, Santa Baia en Silleda e a romaría de Nosa Señora da Saleta en Siador, ademais do Entroido, co Alto dos Xenerais, as festas gastronómicas da Empanada en Bandeira e a tortilla en Laro, e a Romaría do Rapaz en Siador.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Deza
Extensión 167 Km2
Poboación Total 9053 h
Poboación Homes 4387 h
Poboación Mulleres 4666 h
Densidade de poboación 54.21 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias