sindicalismo

sindicalismo

(

s m [HIST/POLÍT]

Movemento dos traballadores organizados en sindicatos en defensa dunha mellora das súas condicións de vida e de traballo. Os primeiros pasos do movemento sindical organizado déronse en Reino Unido, onde se creou, por influencia de Robert Owen, a Great Consolidated Trade Union (1833), aínda que os seus precedentes atópanse na segunda metade do s XVIII. En Alemaña, a unión dos lassallianos e os marxistas (Congreso de Gotha, 1875) permitiron o inicio dun sindicalismo de orientación socialista que adquiriu unha grande implantación. En Francia desenvolvéronse as asociacións de axuda mutua, sobre todo a partir de 1830, e as cámaras sindicais de oficios (1860), ata chegar á formulación do sindicalismo revolucionario que cristalizou na creación da Confédération Générale du Travail (CGT) en Limoges en 1895. En Italia creouse a Confederazione Generale Italiana del Lavoro (CGIL) en Milán en 1906, de tendencia socialista. En España a súa influencia inicial foi bakuninista coa Federación Rexional Española da Asociación Internacional do Traballo (1870), e máis tarde cristalizou en dúas grandes centrais sindicais: a Unión General de Trabajadores (UGT), de tendencia socialista, fundada en Barcelona en 1888, e a Confederación Nacional do Traballo (CNT), de tendencia anarcosindicalista, fundada en Barcelona en 1911. En EE UU, por influencia do tradeunionismo británico, creouse en 1886 a American Federation of Labor (AFL), presidida por Samuel Gompers, que agrupou diversas unións de oficios e iniciou a loita pola xornada de oito horas. En 1938 a AFL sufriu unha escisión e xurdiu o Congress of Industrial Organizations (CIO), de base industrial. Ambas centrais reunificáronse en 1955 formando a AFL-CIO. En América Latina o movemento sindical conseguiu unha implantación sólida sobre todo en Arxentina, Chile e México. En 1938 creouse a Confederación de Trabajadores de América Latina, de inspiración comunista. No referente á coordinación internacional, creouse á federación de centrais sindicais de diferentes países, que no Congreso de Zúric (1913) tomou o nome de Federación Sindical Internacional (FSI). Tras a Revolución Rusa, constituíuse en Moscova en 1921 a Internacional Sindical Vermella, formada polos sindicatos soviéticos e pola Confédération Générale du Travail Unitaire (CGTU), de tendencia comunista, escisión da CGT francesa. Por outra banda, a aparición dos réximes totalitarios en Europa (Italia, Alemaña, España), significou a destrución violenta do movemento sindical. En 1945 creouse en París a Federación Sindical Mundial (FSM), con participación de sindicatos soviéticos, europeos e americanos. Poucos anos despois, as diverxencias estouparon a raíz da actitude a adoptar ante o Plan Marshall, e produciuse unha escisión que deu paso á Confederación Internacional de Sindicatos Libres (CISL), creada en Bruxelas en 1949, de tendencia anticomunista e moderada, con participación da AFL, o CIO, o TUC británico e a CGT-Force Ouvrière, escindida da CGT francesa. Despois da Segunda Guerra Mundial intensificouse a tendencia a adoptar unha liña de actuación de tipo reformista, que obtivo melloras sociais, laborais e económicas. En España, despois do Franquismo, cando se impuxo un sindicalismo obrigatorio (sindicatos verticais), a Lei de Asociación Sindical de 1977 restableceu a liberdade sindical. As dúas centrais maioritarias son UGT e Comisiones Obreras (CC OO). En Galicia, xunto aos sindicatos nacionais, desenvolvéronse organizacións relacionadas co movemento obreiro nacionalista. En 1975 creouse o Sindicato Obrero Galego (SOG) que se integrou na Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Xurdiron tamén outros sindicatos sectoriais como Comsións Mariñeiras (CC MM) ou Comisións Labregas (CC LL), refundada como Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas en 1977. Este mesmo ano constituíuse a Intersindical Nacional Galega (ING) que se fusionou en 1980 coa Central de Traballadores Galegos (CTG) na ING-CTG, denominadas desde o ano seguinte Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG). A Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN), xurdida en 1985, formou en 1994 coa INTG a Central Intersindical Galega (CIG).

Palabras veciñas

sindesmotomía | sindicación | sindical | sindicalismo | sindicalista | sindicar | sindicato