Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas

Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas
Nome científico: [SLG-CC LL]

Sindicato de base, democrático, progresista e independente. Inclúe, entre os seus principios de actuación, a defensa dos intereses sociais, económicos, profesionais e culturais dos labregos galegos; a democracia, como mecanismo de funcionamento interno; a independencia e soberanía propia na toma de decisións; e a autoorganización endóxena dos labregos a todos os niveis. As súas orixes atópanse nos Comités de Axuda á Loita Labrega organizados desde 1970 pola UPG e Cristiáns polo Socialismo, e Comisións Labregas (CC LL) que constituíron o primeiro núcleo en Ribadeo (1973) e reivindicaban a recuperación dos montes veciñais en mancomún e a abolición da cota empresarial da Seguridade Social Agraria. En 1976, despois da súa reorganización, CC LL publicaron un programa en que destacaban medidas coma o fomento do asociacionismo agrario e das cooperativas de produción e a dotación de estradas, auga e electricidade ás parroquias rurais. En 1977 CC LL reorientaron a súa estratexia e produciuse a refundación do sindicato como Comisións Labregas-Sindicato Labrego Galego (CC LL-SLG). Despois das eleccións ás Cámaras Agrarias de 1978 consolidou a súa organización. Tras a entrada de España na CEE (1986) iniciaron unha nova etapa en que se centraron na defensa do tecido produtivo do campo galego fronte ao seu posible desmantelamento pola integración na Política Agraria Común e contra a aplicación das cotas lácteas. Desde a III Asemblea en Pontevedra (1989) pasou a denominarse Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas.