sínodo

sínodo

(

  1. [RELIX]
    1. s m

      Reunión de bispos e teólogos que deciden ou lexislan sobre problemas eclesiásticos.

    2. s m

      Asemblea anual de ministros e de conselleiros laicos na Igrexa valdense e noutras comunidades reformadas.

    3. sínodo diocesano

      Asemblea non permanente de ámbito diocesano, convocada e presidida por un bispo, -considerado como único lexislador-, que estuda os asuntos locais, lexisla e propón orientacións pastorais que afectan unicamente á súa diocese. A súa celebración foi prescrita polos concilios de Auxerre (511), Huesca (598) e Toledo (633 e 696) e, ao pasar ao Decreto de Graciano, converteuse en lexislación universal da Igrexa. Desde o IV Concilio de Letrán (1215) dispúxose a súa celebración anual en cada diocese, norma que foi recollida polas Decretales (1234) de Gregorio IX e precisada, na Península Ibérica, polos legados pontificios Juan de Abbeville e Guillermo Peyre de Godin. O Concilio de Basilea (1433) recolleu e elevou a rango de universal as normas que as igrexas particulares observaban sobre o sínodo diocesano. O Código de Derecho Canónico de 1917 estableceu que o sínodo se celebrase cada 10 anos e o de 1983 definiu o sínodo como unha asemblea de sacerdotes e doutros fieis cristiáns, de carácter non permanente, que axudaba ao bispo para o ben de toda a diocese. Recomendouse a súa celebración cando así o aconsellasen as circunstancias, a xuízo do bispo e unha vez oído o consello presbiteral. Todas as cuestións propostas nel deben de someterse á libre discusión dos membros, que teñen unicamente voto consultivo. A finalidade do sínodo é a de examinar a vida relixiosa, social e moral dos fieis e aprobar normas e directrices pastorais de ámbito diocesano para acadar a mellor solución dos problemas detectados.
      Os sínodos diocesanos galegos
      As cinco dioceses galegas, -Santiago de Compostela, Ourense, Lugo, Tui-Vigo e Mondoñedo-Ferrol- celebraron numerosos sínodos diocesanos dos que se conservan noticias e que ofreceron unha valiosa información sobre a súa lexislación eclesiástica, así como datos acerca da vida cotiá das mesmas. Segundo o primeiro volume de Synodicum hispanum, -obra do catedrático e historiador de Dereito Canónico Antonio García García-, adicado aos sínodos de Galicia celebrados entre os concilios de Letrán (1215) e o de Trento (1563), en Santiago de Compostela celebráronse os sínodos de 1229, 1259-1267, 1289, 1309, 1310, 1313, 1319, 1320, 1322, 1328, 1337, 1346, 1352, 1368, 1390, 1400?, 1401 1415, 1416, 1431, 1435, 1436, 1436, 1452?, 1465, 1511-1512, 1532, 1551 e 1559. Despois de Trento, celebrouse o sínodo dos arcebispos Francisco Blanco Salcedo, Juan de San Clemente Torquemada (1594), Maximiliano de Austria (1604 e 1612), Juan Beltrán de Guevara (1619 e 1621), José González Villalobos (1629), Agustín Spínola (1635), Fernando de Andrade y Sotomayor (1648), José del Yelmo y Santibáñez (1735), Caietano Gil Taboada (1746), José Martín de Herrera y de la Iglesia (1891 e 1909). Ourense, é a diocese galega da que se conservan noticias da celebración dun maior número de sínodos para o mesmo período. Celebrounos en 1221, 1287, 1301, 1328, 1340, 1363, 1385, 1391, 1394, 1399-1400, 1417, 1422, 1427, 1441, 1451-1452, 1454, 1457, 1390-1486, 1470-1486, 1491, 1496, 1497, 1501, 1509, 1510, 1523, 1526, 1538, 1539, 1541, 1543, 1544, 1548, 1557, 1558, 1559, 1560, 1561, 1562, 1563 e 1564. Despois de Trento, convocaron sínodos os bispos Juan de San Clemente (1578-1587), Pedro Ruiz de Valdivieso (1619), Luís García Rodríguez (1635), Alfonso de San Vítores de la Portilla (1659) e Eustaquio Ilundain Esteban (1908). Na diocese de Tui-Vigo celebráronse sínodos en 1482, 1487-1497, 1497, 1526, 1527, 1528, 1529, 1530 e 1543. Posteriormente, foron convocados polos bispos Diego de Torquemada (1578), Bartolomé Molino (1588), Bartolomé Plaza (1590), Francisco Terrones del Caño (1604), Pedro de Herrera (1627), Juan de Villamar (1665) e Xosé Diéguez Reboredo (2002). Aínda que no caso da diocese de Lugo se conservou menos información, sóubose da celebración dos sínodos de 1460, 1466, 1519-1530 e 1563. Despois do Concilio de Trento, foron convocados polos bispos Lorenzo Asensio Otaduy Avendaño (1595), Pedro de Castro Nero (1601), Juan García Valdemora (1604 e 1609), Alonso López Gallo (1618), Diego Vela Becerril (1630), Matías Moratinos Santos (1669) e Gregorio María Aguirre García (1891). Na diocese de Mondoñedo, antes do Concilio de Trento, celebráronse sínodos en 1249, 1324, 1350, 1351, 1379, 1395, 1400, 1429, 1437, 1438, 1447, 1448, 1462, 1496, 1497, 1498, 1502, 1522, 1534, 1538, 1540, 1541 e 1547. Os posteriores a Trento foron convocados por Juan de Liermo (1575), Isidro Caja de la Jara (1585 e 1586), Diego González de Samaniego (1600-1611, excepto en 1608 e 1609), Juan Díaz de Cabrera (1620, 1621, 1624 e 1627), Francisco Villafañe (1632), Antonio Valdés (1635), Gonzalo Sánchez Somoza Quiroga (1641), Francisco Torres Grijalva (1654), Sebastián de Arévalo e Torres (1679), Gabriel Remírez de Arellano (1686), Manuel Francisco Navarrete y Ladrón de Guevara (1703) e Jacinto Argaya Goicoechea (1960).

    4. sínodo episcopal

      Consello permanente e representativo do episcopado católico cuxa función consiste en informar e asesorar o papa, quen ten os dereitos de convocalo e establecer o seu programa. Creado en 1965 polo Concilio Vaticano II, reúnese en asemblea xeral (para cuestións de interese universal), extraordinaria (para cuestións urxentes) e especial (para cuestións de rexións determinadas).

    5. sínodo permanente/santo sínodo

      Colexio episcopal que na Igrexa Ortodoxa goberna xunto ao patriarca cada unha das igrexas autocéfalas. Tivo plena consistencia a partir dos ss XII-XIII, e non é un simple consello, senón que se constitúe como un auténtico órgano de goberno.

  2. s m [ASTRON]

    Conxunción de dous planetas que se produce no mesmo grao da eclíptica ou no mesmo círculo de posición.

Palabras veciñas

sínoco -ca | sinodal | sinódico -ca | sínodo | Sinoe | sinoico -ca | sinólogo -ga