Sober
Concello da comarca de Terra de Lemos, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 27’ 10” de latitude N e 7° 35’ 10” de lonxitude O. Limita ao N con Pantón e Monforte de Lemos (ambos os dous na comarca de Terra de Lemos), ao L con Monforte de Lemos, ao S con Castro Caldelas, A Teixeira e Parada de Sil (os tres na comarca de Terra de Caldelas) e Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), e ao O con Pantón (comarca de Terra de Lemos). Abrangue unha superficie de 133,3 km 2 cunha poboación de 2.836 h (2007), distribuída nas parroquias de Amandi, Anllo, Arroxo, Barantes, Bolmente, Brosmos, Bulso, Canaval, Doade, Figueiroá, Gundivós, Liñarán, Lobios, Millán, Neiras, Pinol, Proendos, Refoxo, Rosende, San Martiño de Anllo, Santiorxo e Vilaescura. A súa capital está no lugar de Sober, na parroquia de Arroxo, a 139 km de Santiago de Compostela e a 77 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
O relevo de Sober pode dividirse en tres partes: a depresión de Lemos, unha superficie de aplanamento situada inmediatamente ao S e os canóns do Cabe e do Sil. A primeira ocupa o terzo setentrional, cunha altitude media de 300-400 m, cuberta por materiais sedimentarios sobre os que o Cabe e os seus tributarios escavaron socalcos a distintos niveis. O centro e S do concello está ocupado por unha penechaira inclinada cara ao N, con materiais ganíticos e metamórficos, a unha altitude media de 400-500 m, que se erguen ao S e ao L grazas á presenza de dous macizos illados: o Canteiras (752 m) e o Bidual (813 m). Os canóns do Cabe e do Sil, vales de fortes pendentes polos que discorren profundamente encaixados estes dous ríos, delimitan ao concello polo O e o S respectivamente. O concello de Sober reparte o seu territorio entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico continental, resultado da súa división entre a depresión de Lemos, os seus rebordos montañosos e as terras ribeireñas do río Sil. A temperatura media anual é de 13,2°C, cunha media en xaneiro de 6,5°C, 20,7°C en xullo e unha amplitude térmica extrema que acada os 25,7°C. A precipitación anual media é de 1.086 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival, co 36% das precipitacións recollidas no inverno, fronte ao 8% no verán. Fican con valores medios a primavera co 27% e o outono co 29°C. A maior parte do concello está drenado polo Cabe e os seus afluentes, entre os que destaca o Sante. O Cabe marca o límite O do concello, que discorre polas chairas da depresión de Lemos; e se encaixa por fenómenos de antecedencia no seu discorrer cara ao Sil a través de rápidos. O río Sil delimita o S do concello, profundamente encaixado e trazando un amplo arco primeiro con dirección LNL-OSO, para logo pasar a LSL-ONO. A vexetación arbórea clímax está formada por carballos cerquiño e castiñeiros, con algunha especie propia de contornos mediterráneos nos espazos abrigados dos canóns (aciñeiras e sobreiras). Na depresión de Lemos e nas áreas máis accidentadas viuse moi alterada, xa que desapareceu practicamente na primeira e foi substituída por extensos piñeirais na segunda.
Xeografía humana
A poboación de Sober medrou suavemente ata 1940, data en que acadou o seu máximo demográfico (10.022 h). Desde comezos do s XX e ata 1940, só perdeu poboación entre 1910 e 1920 (-0,27% interanual), con etapas de crecemento moderado entre 1900 e 1910 (0,22% interanual) e entre 1920 e 1940 (0,51% interanual). A partir de 1940 sufriu un continuo e rápido retroceso demográfico. Entre 1940 e 1970 perdeu poboación a un ritmo dun -1,07% interanual; entre 1970 e 1991 un -2,30% interanual; e entre 1991 e 2001 un -1,64% interanual. Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -5,90%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-22,9‰) froito dunha moi baixa natalidade (2,1‰) e unha elevada mortalidade (25‰). Foi desde sempre un foco de emigración masiva cara a Vigo, Ourense e Monforte de Lemos. O resultado é unha estrutura demográfica avellentada, de xeito que os menores de 20 anos son o 7% e os de máis de 65 anos un 47,5%; o grupo intermedio representa o45,6% . A repartición xeral por sexos amosa un certo desequilibrio favorable ao sexo femenino (52,29% fronte ao 47,70% de homes). A poboación concéntrase nas parroquias do N e NL pola súa mellor configuración para os asentamentos e os cultivos.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sober do 31,1% (38,7% a masculina e 24,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 26,2% (32,4% a masculina e 20,6% a feminina); e a taxa de paro acada o 15,6% (16,3% a masculina e 14,6% a feminina). O sector primario posúe unha gran relevancia e agrupa ao 26% dos ocupados. Destaca sobre todo unha gandaría baseada no bovino, sobre todo con orientación cárnica, no porcino e no ovino, e unha agricultura onde os principais cultivos son as forraxes, seguido polo trigo e o millo. Tamén destaca o viñedo, cultivado nos socalcos das ribeiras do Sil e Cabe, acollido á Denominación de Orixe Ribeira Sacra subzona Amandi. Os prados e os pastos representan o 17,73% do seu territorio. A industria achega o 17,4% da man de obra; destacan as industrias vinculadas ao agro, as de construción e as téxtiles. A construción representa o 13,1% da poboación activa, que traballa xeralmente en Monforte de Lemos. Os servizos agrupan ao 43,5% da man de obra, tanto nos escasos equipamentos terciarios locais como nos localizados en Monforte de Lemos. A principal vía de comunicación é a estrada N-120, de Logroño a Vigo, complementada polas estradas locais que unen Sober con Ferreira e Doade, así como a que une Monforte con Castro Caldelas. Polo seu concello pasa a vía férrea Monforte de Lemos-Vigo, con apeadeiros en Canabal e Areas.
Historia
A antigüidade do poboamento das terras do concello de Sober amósase nos gravados rupestres atopados preto de Proendos e nos restos da cultura castrexas dos castros de Gundivós e Proendos, onde tamén se atopan vestixios da cidade de Proentia. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Sober pertenceron ás xurisdicións do couto redondo de Amandi, señorío do cabido de Lugo; o couto redondo de Doade, señorío do mosteiro de San Vicente do Pino; o couto redondo de Lobios, señorío do convento de San Paio de Antealtares; Couto Novo, señorío do conde de Lemos e o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; Moreda, señorío do conde de Lemos; e Sober, señorío do conde de Amarante. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Couto Novo e Sober. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Daquela formouse o concello de Sober.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas de orixe románica de Xanaval Pinol, Lobios, Proendos e Bolmente, o pazo de Sober e a casa grande de Rosende. O concello está integrado no Canón do Sil, área de interese natural, incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (2001), ao igual que o espazo do río Cabe, e Zona de especial protección dos valores naturais (2004) na proposta da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran destacan a romaría da Virxe de Cadeiras en agosto en Pinol e a romaría do Carme en Sober, ademais da feira do viño de Amandi o Domingo de Ramos.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra de Lemos |
| Extensión | 133 Km2 |
| Poboación Total | 2836 h |
| Poboación Homes | 1353 h |
| Poboación Mulleres | 1483 h |
| Densidade de poboación | 21.32 h/Km2 |