Sobrado
Concello da comarca de Terra de Melide situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, a 43° 02’ 30” de latitude N e 8° 01’ de lonxitude O. Limita ao N con Curtis (comarca de Betanzos), a L con Guitiriz (comarca de Terra Chá) e Friol (comarca de Lugo), ao S con Melide e Toques (comarca de Terra de Melide), e ao O con Vilasantar (comarca de Betanzos) e Boimorto (comarca de Arzúa). Abrangue unha superficie de 120,6 km2cunha poboación de 2.244h (2007), distribuída nas parroquias de Carelle, A Ciadella, Codesoso, Cumbraos, Folgoso, Grixalba, Nogueira, A Porta, Pousada e Roade. A súa capital está no lugar de Sobrado, na parroquia da Porta, a 54 km de Santiago de Compostela e a 60 km da Coruña. Está adscrito á provincia da Coruña, á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
O relevo de Sobrado, situado nunha área en que conviven materiais graníticos con outros de natureza básica ou ultrabásica, responde á clara contraposición entre serras e penechairas como resultado da convivencia entre bloques erguidos a distintos niveis. Distínguense as serras integradas na Dorsal Occidental Galega e as súas ramificacións. As primeiras esténdense polo L do concello, con orientación N-S e altitudes que se sitúan entre os 600 e os 700 m. De N a S destacan a serra da Cova da Serpe e o monte do Corno do Boi. Das ramificacións da Dorsal Occidental Galega destacan a serra do Bocelo que, partindo do monte do Corno do Boi, delimita o S do concello seguindo unha dirección NO-SL, con altitudes comprendidas entre os 600 e 700 m. O N e o O do concello coincide unha penechaira de altitudes arredor dos 500-600 m coas cabeceiras do ríos Tambre e Mandeo. O concello de Sobrado sitúase entre o dominio oceánico de transición e o oceánico de montaña. Localizado no contacto co tramo central da Dorsal Occidental Galega, o seu clima caracterízase por unhas fortes precipitacións, uns invernos fríos e uns veráns suaves. A temperatura media anual é de 10,8°C, cunha media en decembro de 5,9°C, 16,7°C en xullo e unha amplitude térmica extrema que acada os 21,1°C. A precipitación media anual é de 1.629 mm, cunha distribución estacional que amosa unha seca estival co 9% das precipitacións recollidas en verán, o 38% en inverno, polo que quedan as estacións de transición con valores intermedios (primavera, 26%; outono, 27%). A rede hidrográfica do concello pertence á conca alta do Tambre, río que nace ao pé da serra do Bocelo e atravesa a metade S do concello seguindo unha dirección L-O. O río Mandeo nace na confluencia entre as serras do Bocelo e do monte do Corno do Boi, drena a metade N do concello e segue unha dirección prácticamente meridiana. Como elemento singular existe unha pequena lagoa de orixe artificial nas inmediacións de Sobrado, que se inclúe dentro do sistema fluvial do alto Tambre. A vexetación está condicionada pola pobreza de moitos dos solos e das desfavorables condicións climáticas. Abundan as masas forestais de carballos nas terras máis abrigadas, que conviven con extensas plantacións de coníferas.
Xeografia humana
A poboación de Sobrado responde a unha evolución dual, pois se entre 1900 e 1950 incrementou o seu volume demográfico, a partir desa data perdeu poboación continuamente ata o punto de que a súa poboación en 2001 foi pouco máis do 35% da que tiña en 1950, ano en que coñeceu o seu máximo demográfico. Entre 1900 e 1910 mantivo a súa poboación practicamente estancada (-0,12% interanual), o que abriu paso a unha prolongada etapa de crecemento, primeiro leve (0,40% interanual entre 1910 e 1920) e logo máis notable (entre 1920 e 1950 creceu un 0,73% interanual). A partir deste momento iniciou unha constante e regular perda de habitantes; así, entre 1950 e 1991 retrocedeu a razón dun -1,45% interanual, polo que se moderou levemente o proceso de despobomento no período intercensual 1991-2001, perdendo un -1,23% interanual. Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -6,57%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-13,5‰) froito dunha baixísima taxa de natalidade (2‰) e unha moi elevada mortalidade (15,5‰). Sobrado, situado nun espazo agricolamente pobre e afastado dos principais centros de actividade coruñeses, sufriu os embates da emigración cara a Europa e cara á cidade da Coruña, o que se deixou sentir no avellentamento da súa poboación. Os menores de 20 anos representan o 11,5% e os de máis de 65 anos o 34,9%; o grupo intermedio representa o 53,6%. A distribución por sexos está equilibrada: 50, 62% de homes e 49,37% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Sobrado do 43,6% (57,6% a masculina e 29,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,2% (50,8% a masculina e 25,4% a feminina); e a taxa de paro acada o 12,4% (11,8% a masculina e 13,5% a feminina). O sector primario representa ao 37,4% da poboación ocupada. A superficie cultivada esténdese polo 12,7% do territorio, e as forraxes son o principal cultivo ao ocupar o 38,8% do terreo cultivado, seguido pola pataca e o millo. Os prados acadan o 13,2% do seu territorio, pois a gandaría bovina, cunha orientación tanto leiteira coma cárnica, e a gandaría porcina son unha parte importante do sector. A construción dá traballo ao 15,3%, mentres que a industria só ocupa ao 9,8% dos activos. O sector servizos é o máis importante, ao sumar o 37,5% da man de obra nos escasos establecementos e servizos públicos localizados no concello. As principais vías de comunicación son as estradas que unen Sobrado con Curtis, Friol e Arzúa; outra estrada destacada é a que conecta a capitalidade municipal con Toques.
Historia
Os restos máis antigos do concello atopáronse nun campamento militar romano, na parroquia da Ciadella. A historia do concello vinculouse á do mosteiro de Santa María desde a fundación deste no s X. No s XII pasou a integrarse na orde do Císter e converteuse nun dos máis destacados de Galicia, ata que como consecuencia da desamortización do s XIX caeu en decadencia. A súa vida monástica recuperouse co retorno dos monxes en 1955. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello pertenceron ás xurisdicións de Sobrado, señorío do mosteiro de Sobrado; Codesoso, señorío de Antonio Ordóñez, ambas as dúas pertencentes á provincia de Betanzos e á xurisdición de Mesía, señorío do arcebispo de Santiago e pertencente á provincia de Santiago. Ao proclamarse a Constitución de 1812, Sobrado quedou integrado na provincia única de Galicia, ata que en 1822 tivo lugar a división da mesma en catro provincias. Desde 1821 rexistrouse como concello pertencente ao partido xudicial de Melide. Coa división municipal de 1835, coa que se recuperou definitivamente o municipalismo, Sobrado mantívose como concello, pero pasou a pertencer ao partido xudicial de Arzúa ata 1965, cando pasou ao partido xudicial de Betanzos.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio destacan, ademais dos restos de poboamento prerromanos e romanos atopados na Ciadella, as igrexas de Santa María da Ciadella e San Lourenzo de Carelle e os pazos de Golmar e de Gado. Especialmente destaca o mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (BIC 1931) en Sobrado. Celebra as festas en honor á Virxe das Dores, en setembro e as de san Pedro, o 29 de xuño na Porta, así como as de San Vitorio e San Cidre o 14 e 15 de maio, en Grixalba.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Terra de Melide |
| Extensión | 120 Km2 |
| Poboación Total | 2244 h |
| Poboación Homes | 1136 h |
| Poboación Mulleres | 1108 h |
| Densidade de poboación | 18.7 h/Km2 |