Sobredo, mortos de

Sobredo, mortos de

Feitos ocorridos no lugar de Sobredo, en Guillarei (Tui) en 1922, que tiveron como resultado a morte de tres labregos. Os antecedentes estiveron na extensión da idea da abolición da renda foral que, despois do Congreso Agrario de 1922, se convertera nun tema fundamental dos mitins políticos. En Tui, o cacique local e ministro de Gobernación, Mariano Ordóñez, tentou evitar a xeneralización destas ideas e ordenou numerosas detencións. Basilio Álvarez presentouse na cidade para xestionar as liberacións e o 16 de novembro, a Federación Provincial Agraria de Pontevedra, declarou a folga. O gobernador ilegalizou as Sociedades Agrarias de Areas, Malvas, Randufe, Pazos de Reis, Rebordáns, Páramos, Baldráns, Caldelas e Guillarei. Cando o 28 de novembro de 1922 se presentou o xuíz de Tui coa Garda Civil en Sobredo para embargar a un veciño por non pagar o foro, tivo lugar o enfrontamento co pobo, no que morreron tres persoas. O feito provocou unha nova folga que se iniciou o 4 de decembro. No lugar ergueuse (1932) un monumento en lembranza das vítimas, que se reconstruíu en 1988 despois de que fora dinamitado durante a Guerra Civil Española.

Palabras veciñas

sobrecuberta | Sobreda | sobredito -ta | Sobredo, mortos de | sobredose | sobredourar | sobreeixe