socioloxía

socioloxía

(< socio- + -loxía)

  1. s f [SOCIOL]

    Ciencia social que ten por obxecto o estudo racional e crítico da sociedade humana. Investiga a dimensión social do home, tanto no aspecto permanente (grupos, institucións e estruturas sociais) como no aspecto dinámico (tensións, conflitos, transformacións). Estuda, en calquera nivel da realidade social, conxuntos complexos de fenómenos sociais, interconectando zonas diferentes de causación (factores demográficos, económicos, políticos) para poder explicalos de forma científica. Coa Ilustración e co triunfo das revolucións burguesas elaboráronse os primeiros programas para estudar a sociedade. Os principios (A. Comte, H. Spencer) caracterizáronse pola construción de teorías moi xerais da sociedade, imbuídas de positivismo, evolucionismo e confianza no progreso. A tarefa consistiu na institucionalización da disciplina e na crítica da fase dogmática e idealista. Tönnies, Pareto, Durkheim, Weber e Simmel trataron de dilucidar a natureza da gran transformación do mundo producida polo capitalismo e a industrialización. Cómpre destacar tamén a súa preocupación pola explicación científica da conduta non racional, froito da súa revisión do optimismo progresista. Acabada a Primeira Guerra Mundial, a socioloxía foi aceptada como disciplina académica e as únicas dificultades foron de tipo político e ideolóxico. A socioloxía subdividiuse nun gran número de especialidades, non sempre separables. A división principal está entre a macrosocioloxía e a microsocioloxía (antropoloxía social e etnoloxía). Todas as especialidades exércense desde perspectivas sociolóxicas que se poden denominar escolas. Cómpre salientar a perspectiva estruturalista, que ve a sociedade como sistema funcional dinámico onde o cambio social é froito da súa dinámica interna (Parsons, Merton, Malinowski, Radcliffe-Brown, Levi-Strauss); a perspectiva do interaccionismo simbólico, centrado sobre a análise dos compoñentes subxectivos da sociabilidade (Mead, Goffman e Berger) e a perspectiva conflitivista (coas vertentes marxista e independente) que concibe a vida social chea de tensións entre os grupos e as colectividades, que se disputan recursos escasos.

  2. socioloxía do coñecemento [SOCIOL]

    Disciplina que trata das determinacións sociais dos contidos da consciencia. Pode atoparse a súa orixe no mito da caverna de Platón como mostra da dificultade da interpretación do mundo. Francis Bacon dicía que a comprensión de acontecementos estaba condicionada por prexuízos. A Ilustración e os seus sucesores enfatizaron a influencia nociva da ideoloxía sobre o coñecemento. Marx e Engels introduciron a noción da distorsión que operan os intereses de clase sobre o saber e coñecemento. Durkheim viu na estrutura social os fundamentos dos conceptos elementais mediante os que o individuo elabora a súa interpretación da realidade. Na liña da teoría marxista, K. Mannheim e G. Lukács intentaron establecer as súa bases como disciplina autónoma.