solla

solla

(< lat solea ‘linguado’)

  1. s f [ANIMAL/ICT]

    Peixe da familia dos pleuronéctidos que se caracteriza por ter o corpo plano e asimétrico, e os ollos no lado dereito.

  2. solla común [ANIMAL/ICT]

    Peixe dos pleuronectiformes, de ata 50 cm de lonxitude, co corpo oval e rugoso, ollos no lado dereito, con escamas cicloideas, prominencias óseas especialmente no comezo da liña lateral e ao longo das bases das aletas dorsal e anal, e a liña lateral ben desenvolvida en dúas bandas e pouco arqueada. Os raios centrais das aletas dorsais e anal teñen un tamaño maior e están máis preto da cola que da cabeza o que lle dá ao perfil do corpo un aspecto rómbico. É de cor verdosa con manchas irregulares claras e escuras. Aliméntase de peixes pequenos, moluscos e crustáceos. Vive en fondos areosos de 20-40 m de profundidade, ás veces na entrada dos ríos.

  3. solla de altura [ANIMAL/ICT]

    Peixe pleuronectiforme, de ata 100 cm de lonxitude, co corpo oval e comprimido, ollos no lado dereito, con escamas cicloidais, a crista intraocular dividida e con diversas prominencias óseas, e a liña lateral ben desenvolvida en dúas bandas e pouco arqueada. É de cor, polo lado ocular, castaña con grandes manchas redondas vermellas ou alaranxadas espalladas polo corpo e formando series lonxitudinais nas aletas dorsal e anal; o lado cego é abrancazado. Aliméntase de peixes pequenos, moluscos e crustáceos. Vive en fondos areosos, desde a superficie ata 100 m de profundidade, ás veces na entrada dos ríos, como o Miño, o Ulla e mais o Umia, podendo vivir nas augas doces de forma permanente. É común nas costas atlánticas europeas e no Mediterráneo.