solubilización
(< solubilizar)
Aumento da solubilidade dunha substancia, a causa da presenza doutra substancia denominada solubilizante ou axente solubilizante. Desde un punto de vista físico, a solubilización ocorre mediante a diminución do coeficiente de actividade da substancia que se quere disolver pola acción do axente solubilizante. Pode ocorrer por varios tipos de interacción entre o axente solubilizante e a substancia que se quere disolver, como a coordinación, o enlace por puntos de hidróxeno, a interacción de dipolos e a formación de complexos. Aplícase na preparación de fármacos co fin de que sexan solubles na auga e de colorantes para conseguir tonalidades máis uniformes, na eliminación dos haloxenuros de prata do papel fotográfico ou na preparación de aceites lubrificantes.