Streptococcus

Streptococcus
[MONERA]

Xénero de bacterias cocoides, inmóbiles, Gram-positivas e a maioría anaerobias facultativas, que se presentan caracteristicamente en cadeas ou parellas irregulares, ovais ou lanceoladas. Son bacterias moi estendidas na natureza, e pódense atopar no chan, en ambientes acuáticos e formando parte da microbiota normal do home e animais. Dentro deste xénero destacan os estreptococos lácticos (St. lactis e St. cremoris) que producen a acidificación do leite e teñen importancia na fermentación natural de moitos lácteos; os estreptococos da boca e do tracto respiratorio, que inclúen especies patóxenas, como o pneumococo (St. pneumoniae), que é o axente causante da pneumonía; os estreptococos hemolíticos, como St. pyogenes, que é o causante de infeccións da pel e respiratorias, como a anxina estreptocócica e a febre puerperal ou dos eritemas da escarlatina; St. viridans, que se atopan na boca do home e de certos animais, que causan a caries e a endocardite bacteriana; e os estreptococos fecais, comunmente denominados enterococos, que habitan no tracto intestinal do home (St. fecalis) e doutros mamíferos (St. bovis), e que son indicadores da contaminación fecal da auga e dos alimentos.

Palabras veciñas

strelec* | Strelitzia | Strelow, Liselotte | Streptococcus | Stresemann, Gustav | Streymoy | stricto sensu*