Stuart ou Stewart

Stuart ou Stewart

Liñaxe escocesa que orixinou dinastías en Escocia e Inglaterra. O primeiro membro coñecido é Alan, segundo senescal hereditario de Dol (1045), avó doutro Alan, que exerceu o mesmo cargo e que foi favorito do Rei Enrique I de Inglaterra e sheriff de Shrop-shire (1101). Dos fillos do seu descendente Alexander Fitzalan (?-1286), gran senescal de Escocia, descenden todos os Stuart de Gran Bretaña. A primeira liña real foi formada por lord James (?-1309), quinto gran senescal de Escocia e un dos rexentes da Raíña Margarida I (1286), e pai de Walter Steward ou Stewart (?-1326), que o sucedeu no cargo e casou coa princesa Marjorie, filla do Rei Roberto I de Escocia. Coa morte, sen fillos, do Rei David II, sucedeuno o seu sobriño Robert Stewart , que reinou como Roberto II de Escocia, e desde entón o título de gran senescal de Escocia foi empregado polos herdeiros do trono. Os seus sucesores foron reis de Escocia ata que con María I de Escocia (1542-1568) se extinguiu a primeira liña real, pero non a dinastía real dos Stuart, que foi continuada polo seu fillo Xaime VI de Escocia e os seus sucesores, tamén reis de Inglaterra (Xaime I de Inglaterra) ata Ana I de Escocia ( Ana I de Inglaterra, 1702-1714). A representación dos dereitos da dinastía dos Stuart aos tronos de Inglaterra e Escocia pasou á descendencia da princesa Enriqueta Ana, filla de Carlos I, que hoxe é levada pola casa real de Baviera. Das diversas ramas ilexítimas cómpre destacar a liña ilexítima dos Fitz-James Stuart, duques de Berwick e de Fitz-James; iniciouna James Fitz-James, fillo do Rei Xaime II, e situouse en Francia e en España, onde aínda subsiste; e as xurdidas dos fillos ilexítimos do Rei Carlos II: a dos Montagu-Douglas-Scoot, duques de Bucleugh e Queensberry, a dos Lennox, despois Gordon-Lennox, duques de Richmond e Lennox, a dos Fitz-Roy, duques de Grafton, e a dos Beaucklerk, duques de Saint-Albans, aínda subsistente.