subdesenvolvemento
(
Estadio económico referido a un país ou a unha área territorial grande, que se caracteriza por un atraso das forzas produtivas e das relacións sociais respecto a países industrializados. Considérase que as súas causas foron a inserción dos países atrasados dentro dos circuítos comerciais, industriais e financeiros do capitalismo, que provocaron situacións de dependencia económica prexudiciais para o crecemento equilibrado. Por unha banda, a relación de intercambio prexudicou aos países de capitalismo dependente, porque os prezos das súas mercadorías (materias primas), eran manipulados polos países desenvolvidos. Ademais, os crecentes investimentos industriais das multinacionais nas áreas subdesenvolvidas non serviron para crear unha riqueza útil para a poboación, ao ser industrias destinadas á exportación e non favorecer a ampliación do mercado interior nin crear postos de traballo axeitados. O seu estudo xeneralizouse despois da Segunda Guerra Mundial, cando os movementos independentistas das diversas colonias expresaron a necesidade de novas relacións entre as metrópoles e os territorios dominados. Considerouse entón que as características máis desacougantes destes países, como a fame, a mortalidade infantil ou a carencia de estruturas educativas, podían ser superadas con determinados programas de axuda.