suburbano -na
(< lat suburbānu)
-
adx
Relativo ou pertencente ao espazo situado fóra da cidade pero que está en relación con ela.
-
área suburbana
[URBAN]
Espazo que ten como característica fundamental a de ser un distrito periférico que se atopa dentro do espazo de alcance de movementos pendulares dunha área urbana e que adoita ser unha xurisdición política independente, sobre todo nos países anglosaxóns. Desde un punto de vista espacial, adoitan ser espazos de transición entre as cidades e as áreas rurais, onde entran en competencia as funcións urbanas coas rurais; e presentan baixos niveis de densidade demográfica e un alto volume de movementos pendulares que se dirixen ás áreas propiamente urbanas debido á vinculación funcional das poboacións residentes. A variabilidade de paisaxes existentes reflicten as diferentes etapas do desenvolvemento suburbano. En moitos países industrializados, en especial nos anglosaxóns, a construción de urbanizacións residenciais suburbanas de elite comezou a producirse a inicios do s XIX. Cara a finais do s XIX e comezos do s XX foi un fenómeno bastante estendido, xa que se desprazaron familias de clase media e traballadora cualificada cara a comunidades residenciais localizadas a certa distancia do lugar de traballo. Non obstante, o fenómeno non se fixo masivo ata despois da Segunda Guerra Mundial, grazas á mellora das comunicacións viarias e á xeneralización do automóbil, así como á posibilidade de financiar a longo prazo as vivendas mediante hipotecas. En Galicia é un fenómeno que está en pleno auxe, xa que se mesturan áreas de residencias unifamiliares illadas en parcelas individuais, innumerables sectores de urbanizacións de chalés que xurdiron nas proximidades das sete grandes cidades galegas e barrios satélite próximos ás grandes cidades, con construcións en bloques de pisos. Ademais, mestúranse co hábitat rural preexistente.