sueco -ca
(< topónimo Suecia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Suecia, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Suecia.
-
s
m
[LING]
Lingua xermánica setentrional do phylum indoeuropeo que se fala en Suecia, Finlandia, Estonia e EE UU. Conta con diversas variedades como o sverikes e o västergotlandes (base, ambas as dúas, da lingua literaria), o meridional, o oriental, o gútnico e o norlandés. Historicamente, o sueco adoita dividirse en sueco antigo (800-1526), que se coñece grazas aos textos rúnicos, e sueco moderno, que empezou a aparecer na versión do Novo Testamento (1526). Ao final do s XIX os escritores, Strindberg sobre todo, introduciron cambios importantes na lingua escrita, para achegala máis á lingua falada. Os trazos actuais do sueco adoitan coincidir cos das linguas escandinavas.
-
arte sueca
[ARTE]
Arte desenvolvida en Suecia. As primeiras manifestacións proceden da arte viquinga. O románico estendeuse no s XI coa evanxelización, e no s XII, os cistercienses construíron as abadías de Alvastra (1143) e Nydala. A catedral gótica de Uppsala é obra do francés Étienne de Bonneui e as catedrais de Lund e Linköping seguiron os modelos europeos. Dos escultores góticos destacou o alemán Bernt Notke. O Renacemento desenvolveuse a partir de 1520, e artistas estranxeiros construíron os castelos de Gripsholm (1537?) e de Kalmar (1570?). No s XVII destacou a obra dos arquitectos David Klöker van Ehrenstrahl, Jean de La Vallée e Nicodemus Tessin o Vello. No s XVIII desenvolveuse o estilo gustaviano, mestura dos estilos Luís XV e Luís XVI, imposto na corte do Rei Gustavo III. Destacaron o arquitecto Nicodemus Tessin o Novo; os pintores Alexander Roslin, Niklas Lafrensen, Carl Gustav Pilo e Elias Martin, e o escultor Tobias Sergel. Ao final do s XIX, desenvolveuse a pintura ao plein air, con Anders Zorn; o romanticismo nacionalista foi cultivado polos pintores membros da Unión de Artistas, e destacou tamén a obra de C. F. Hill (1849-1911), E. Josephson (1851-1906), Ivan Aguéli (1869-1917) e o arquitecto Ragnar Ostberg (1886-1945). A principios do s XX, destacan os pintores Isaac Grunewald, Sigrid Hjiertren, Karl Isalson (1878-1922), Gösta Adrian-Nilsson (1884-1965), Nils von Bardel e Otto G. Carlsund (1897-1948), fundador, co holandés Theo van Doesburg, do Movemento pola Arte Concreta. Sobresairon tamén os membros do grupo surrealista De Halmstad. A partir da década de 1930 destacaron en pintura Sven Eriksson, a xeración do 47 ou Max Walter Svanberg; en escultura, Axel Paterson, Bror Hjorth, Carl Milles, Eric Grate e Arne Jones; en arquitectura, Carl Bergsten, Osvald Almqvist, Sigurd Lewerents e Erik Gunnar Asplund, e no urbanismo, Sven Backström, Leif Reinius e Sven Markelius.
-
cine sueco
[IMAX]
Cine producido en Suecia. No decenio de 1913 a 1923 destacaron dúas grandes figuras, Vic22tor Sjöström e Mauritz Stiller. Obras como Ingeborg Holm (1913), Terje Vigen (1917) e Körkalen (1921) do primeiro, e Herr Arnes pengar (1919), Erotikon (1929) e Gösta Berling saga (1923) do segundo, reúnen a máis pura beleza formal, como tamén toda unha serie de innovacións temáticas e de linguaxe descoñecidas ata aqueles momentos. A obra de Gustaf Molander, discípulo dos anteriores, é posterior. Captados V. Sjöström, M. Stiller e Greta Garbo por Hollywood, destacaron as producións de Molander, Fridas visor (1930) ou Intermezzo (1936), filme que lanzou internacionalmente a Ingrid Bergman. Tras a Segunda Guerra Mundial destacou a obra de Alf Sjöberg, con Himlas Pelet (1942) e sobre todo Fröken Julie (1951). En Hets debutou como guionista Ingmar Bergman, que un ano máis tarde se iniciou na realización con Kris (1945). Da súa filmografía destacan Passion (1969), Scener ur etl aktenskap (1974), Face to Face (1975) e Fanny and Alexander (1982). Despois del, a produción sueca seguiu ofrecendo novas achegas, como as de Arne Mattson, Bo Wilderberg (Elvira Madigan, 1967), Jan Troell (Emigranterna, 1969) e Mai Zetterling (Nattlek, 1966; Flickorna, 1968). A redución da actividade de Bergman, no comezo da década de 1980, coincidiu co silencio definitivo ou case definitivo dalgúns dos grandes nomes da creación fílmica sueca, como Göran Gentele, Arne Scksdorff, Gustaf Molander, Jarl Kulle, Anders Henriksson, Yngne Gamlin, Henning Carlsen, Mai Zetterling, Arne Mattson e Susan Sontag. Outros achegaron obras interesantes, como Gunnel Lindblom (Paradistorg, 1976), Erland Josephson e Sven Nykvist (En och En, 1977, filme realizado tamén con Ingrid Thulin), Vilgöt Sjöman, Jan Troell (Bang!, 1976), Kjell Grede (Klara Lust, 1971) e Per Oscarsson (Sverige at svenskarna, 1980). Nun momento de certo estancamento, na década de 1990 destacaron Carl Gustav Nykvist, Boman Oscarsson, Stig Larsson, Agneta Elers-Järleman, Kjell Sundvall (Jägarna, 1997), Jan Troell (Hamsun, 1997) e o documentalista Stefan Jarl.
-
literatura sueca
[LIT]
Literatura cultivada en sueco. Non se dispón de textos literarios ata o s XIII, co dominicano Petrus de Dacia (1235-1289). Do s XIV son, escritas en latín, as Revelationes da mística Bríxida e, xa en sueco, unha serie de traducións de textos eclesiásticos, crónicas rimadas, baladas populares, ás veces foráneas, cancións e compilacións de leis e outros textos. A Reforma achegou a tradución da Biblia (1541), que codificou o sueco moderno, tomado como modelo polos autores posteriores, e que foi obra de Laurentius Andreae (?-1552) e Olaus Petri (1493-1552); este último iniciou tamén a dramaturxia sueca. No s XVII houbo unha explosión literaria de exaltación nacional, patente en O. Rudbeck e en G. Stiernhielm. Na segunda metade do s XVIII tivo lugar o mecenado de Gustavo III, que fundou a Academia Sueca (1786) e impuxo a tradición dramática: a figura literaria máis importante é a de Carl Michael Bellman. O romanticismo de influencia xermánica manifestouse no s XIX na corrente fosforista, que tivo como principal figura a D. Amadeus Atterbon, e na sociedade gótica dirixida por E. Gustaf Geijer e E. Tegnér. O romántico máis puro é probablemente E. Johan Stagnelius; romántico, cun aire realista, é C. Jonas Love Almqvist, poeta e prosista. Un bo expoñente do realismo é o autor finlandés J. Ludvig Runeberg e, sobre todo, C. Johan Gustaf Snoilsky, do grupo Poetas Anónimos. A. Viktor Rydberg anticipou o naturalismo; o pulo naturalista, influído por Brandes, Ibsen e Bjornson, estivo dominado por Johan August Strindberg. Opostos a este movemento foron V. von Heidenstam, O. Levertin, G. Fröding e E. A. Karlfeldt. Antes de 1910, e na narrativa, fan a súa produción S. Lagerlöf e P. Hallström. Como expoñente do pesimismo da fin do século, destacan H. Emil Fredrik Söderberg, G. Hellström e P. Sigfrid Siwertz. Na década de 1920, marcado por H. Bergman, xurdiu a novela proletaria. A figura que dominou a literatura sueca do s XX foi P. Lagerkvist e destacaron tamén V. Ekelund, J. Edfeldt e H. Robert Gullberg. Outro grupo importante é a xeración do 40, en que se afianzaron as tendencias modernistas e a literatura experimental, con autores como Lars Ahlin (1915-1997), Erik Lindegren (1910-1968), Stig Dagerman (1923-1954), Ulla Isakson (1916-2000) ou Elsa Grave (1918-2003). Da década de 1950 destacan os poetas Lars Forssell (1928), Tomas Tranströner (1931) e Sara Lidman (1923-2004). Foron influídos pola relixión B. Setterlind, M. Ken Johansson e Göran Palm. Ö. Fahlström formou parte do grupo dos concretistas, en que destacaron tamén E. Johnson, que máis tarde se afastou, e C. Fredrik Reutersward. No campo da novela sobresaíron L. Gyllensten, B. Trotzig, S. Fagerberg, S. Stolpe e Ulf Lundell. S. Lidman, P. Wästberg e J. Myrdal exemplifican o interese cara ao exterior dos autores politizados na década de 1970. Cómpre citar tamén a P. O. Enquist e P. O. Sundman. A década de 1980 caracterizouse polo posmodernismo, coa figura de Stig Larsson, ademais de autores como Tobias Berggren, Katarina Frostenson e Birgitta e Björn Ranelid. A comezos do s XXI, destacan autores como Fateme Behros A. Leiva Wenger, Jonas Hassen Khemiri, Mikael Niemi, Elsie Johansson ou Kristina Lugn.
-
música sueca
[MÚS]
Arte musical cultivada en Suecia. Os inicios comúns coa música danesa fan que non se poida falar dunha música sueca ata a época da Reforma e a adopción do luteranismo. A escola autóctona foi iniciada por F. Berwald (1796-1868), autor de música sinfónica e dramática. Destacaron tamén A. Soderman (1832-1876) e Emil Sjögren (1835-1918). A escola contemporánea foi iniciada por H. Rosenberg (1892-1985). No pop, destacan os Blue Swede e ABBA, na década de 1970. Tamén sobresaen, a finais da década de 1980 e na de 1990, os grupos de rock Europe, Roxette, Ace of Base ou The Cardigans, ademais de artistas como Ulf Lundell.